Os populares de Meira reclaman ao Concello máis axudas
O Grupo Municipal do Partido Popular de Meira critica “a inoperancia do alcalde” e o equipo de goberno local porque “non foron capaces de sacar unha nova convocatoria de axudas directas á hostalería e outros comercios afectados” polas medidas recollidas na Orde do DOG do 26 de xaneiro para conter a pandemia da covid-19 “no momento no que máis o precisan”. Ademais, indican que “noutros concellos xa o están facendo”.
Os populares agardan que “unha vez iniciada a desescalada que permite volver á actividade ao sector da hostalería, o goberno local non poña como escusa que xa están abertos para non establecer unha nova liña de apoios”, sobre todo, tendo en conta que “dende o Grupo Municipal Popular xa presentaramos unha iniciativa coa que acordar no pleno a aprobación destas axudas; pero que o alcalde non incluíu na orde do día de asuntos a tratar e, polo tanto, non se puido debater no último pleno”. Isto demostra que “o goberno local de Meira non considera importantes os negocios do noso concello”, segundo denuncian o voceiro do PP, Carlos Veiga.
Os populares volveron propoñer que o Concello convoque axudas “ante a inactividade do goberno municipal”, despois de que xa o ano pasado “fora o Grupo Municipal do PP o que solicitara no mes de abril que o Concello preparara unha convocatoria para apoiar a tódolos sectores que tiveron que pechar durante o confinamento ou que viron reducida a súa actividade debido á crise derivada da situación sanitaria”. Finalmente, o ano pasado foran convocadas unhas axudas “totalmente insuficientes” que dende o goberno local xustificaron dicindo que “volverían a sacar unha segunda liña cando fose necesario. As axudas eran necesarias agora”, aseguran, e por iso lamentan especialmente que “non quixese incluír a nosa iniciativa para tratala neste pleno” porque “deixala para máis adiante é prexudicial para os negocios de Meira”.
Medidas propostas polo PP
Ademais de axudas directas para os locais afectados polos peches; os populares tamén propoñen axudas directas para os negocios que non poidan facer fronte ao alugueiro do seu local, rebaixar ou suprimir as taxas municipais da auga, lixo e saneamento e o IBI. Así mesmo, consideran necesarias medidas de dinamización económica para o municipio.
Os populares tamén piden que o goberno local redacte unha ordenanza reguladora da ocupación de vía pública que permita contar con normas claras sobre a colocación de terrazas nas rúas e prazas que “aporten a seguridade xurídica”.
Carlos Veiga destaca que “ante a indiferenza do goberno local co sector hostaleiro, o Goberno da Xunta si que amosou a súa responsabilidade e o seu compromiso cos afectados pola crise da covid”. A través do seu primeiro plan de rescate ao sector hostaleiro, achegou máis de 33.000 euros en axudas que beneficiaron a un total de 11 establecementos de Meira e agora ten aberto o prazo para solicitar as axudas do segundo plan de rescate ao sector.