Os populares de Ribadeo consideran que a ordenanza para a conciliación discrimina a certas familias
O Grupo do Partido Popular de Ribadeo considera que a ordenanza para a conciliación municipal discrimina ás familias que teñen os seus fillos escolarizados no colexio Sagrado Corazón, xa que, indica Begoña Sanjurjo, “son susceptibles de subvención por parte do Concello os servizos Bos Días e Boas Tardes do Gregorio Sanz pero non o é o madrugador do colexio concertado”. Esta circunstancia é a que levou aos populares a absterse na votación, pois, defenden, que se poden mellorar para favorecer a máis unidades familiares.
Asemade, preguntado o equipo de goberno polas axudas establecidas pola entidade local para os centros escolares, Sanjurjo critica que o alcalde só contestase que non teñen competencia, excepto coa Escola de Música, na que está adaptando o protocolo da consellaría de Educación, e o Gregorio Sanz, onde están a levar cabo labouras de conservación e de mantemento. “Ao resto dos centros non se lles prestou ningunha axuda para a preparación da volta ás clases”, remarca a popular.
Escolas deportivas
O Grupo Municipal do Partido Popular ribadense tamén se interesou polo desenvolvemento das escolas deportivas, que están suspendidas. A este respecto, a contestación do equipo de goberno tampouco foi “alentadora”, senón que “deixou claro, apunta Sanjurjo, que non teñen prevista ningunha adecuación para poñelas en funcionamento”.