Os populares de Vilalba din que a Xunta achegou 6 ordenadores para familias con menos recursos

TerraChaXa
O PP de Vilalba pon en valor a colaboración do goberno galego coas familias con menos recursos do municipio e con fillos que se atopan cursando ESO, Bacharelato ou FP ao facer entrega de seis ordenadores portátiles con conexións gratuítas a Internet de balde.
30 Apr 2020

O PP de Vilalba pon en valor a colaboración do goberno galego coas familias con menos recursos do municipio e con fillos que se atopan cursando ESO, Bacharelato ou FP ao facer entrega de seis ordenadores portátiles con conexións gratuítas a Internet de balde.

Trátase dun préstamo persoal de equipos con conectividade que realizou a Xunta de Galicia en colaboración cos operadores R, Vodafone e Orange. O reparto, dirixido ás familias que non dispoñan nos seus fogares de ordenador nin conexión á rede, realizouse priorizando ao alumnado dos cursos de final de etapa.

Dende o PP local explican que “esta medida contribuirá a facilitar o seguimento da actividade educativa mentres dure o estado de alarma” e agradece “a colaboración dos equipos directivos do IES Santiago Basanta Silva e IES Lois Peña Novo” no reparto deste material.

“O goberno galego trata de velar pola igualdade de oportunidades entre o alumnado dos centros de ensino secundario do noso municipio” ao “garantir que tamén os fillos das familias con menos recursos poidan acceder á educación a distancia e aos recursos educativos que a consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ofrece tanto a través da estratexia EduDixital 2020 coma a través dos nosos servizos dixitais, recursos e materiais didácticos facilitados trala declaración do estado de alarma”, din.

Os populares poñen en valor “as distintas liñas de actuación da Xunta de Galicia en diversos ámbitos para loitar contra o coronavirus e os seus efectos na nosa comunidade entre os que se atopan tamén este tipo de medidas no ámbito educativo que, ao mesmo tempo, se dirixen a loitar contra a brecha dixital”.

Reparto de material educativo
Os populares vilalbeses tamén queren agradecer “a boa disposición” dos claustros dos colexios do rural -o CEIP Terra Chá e o CEIP Monseivane- que achegaron ao alumnado diverso material didáctico e tamén o material escolar que os rapaces e rapazas deixaran nos centros antes da declaración do estado de alarma”.

Tamén colaboraron neste reparto os servizos de Protección Civil de Vilalba tal e como recolle o acordo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria en Galicia (Cecop), a proposta da consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, autorizando as entregas de material educativo ás familias.

0.1651759147644