Os populares fan un balance negativo de Tomé á fronte da Deputación
Balance dos dous anos de Tomé: “Nunca un presidente fixo tan pouco con tantos cartos e a Deputación deu menos servizos á provincia”.
"Nunca un presidente fixo tan pouco con tantos cartos e a Deputación de Lugo deu menos servizos á provincia”. Así resumiu o voceiro do Grupo Provincial do Partido Popular, Javier Castiñeira, os dous anos de goberno de José Tomé Roca como dirixente provincial. O popular, que estivo arroupado por outros deputados da súa formación, destacou que, pola contra, “onde si existe un compromiso claro de Tomé é en contentar á Sra. Vicepresidenta que, nada máis chegar ao goberno, dixo que ía loitar para baleirar de contido ás Deputacións e vemos que o conseguiu”, afirmou Castiñeira.
Proba delo, e como primeiro argumento, indicou que a disolución da Sociedade Urbanística Provincial non serviu para adelgazar os custos da administración, contrariamente ao pregoado por socialistas e nacionalistas. E é que o goberno, mediante a cuestionada compra dunha acción, ten agora como medio propio, pero con prestacións moito máis caras que as da suprimida Suplusa, polo que “é o goberno máis caro da historia”, provocando con elo, dixo, “que os Concellos perdan tamén chan industrial”.
Esta cuestión é a que leva a concluír aos populares que “Tomé lle sae caro á provincia”. Proba delo é que preside o goberno provincial co maior número de persoal de confianza e, por tanto, coa maior partida económica destinada a este fin. Con Darío Campos, ano 2019, o importe neste concepto ascendeu a 475.000 euros; en 2020, sendo Tomé xa presidente esta cantidade subiu aos 910.000 euros; e, en 2021, a cifra a aproxímase aos 963.000 euros. É dicir, o presidente ex sindicalista incrementou este gasto nos seus nun 103%, ou o que é o mesmo, 2,02 veces máis que o seu predecesor no cargo. “Lamentamos que isto non se traducise en máis traballo e en ser útiles aos lucenses e que só sirva para os seus intereses e os do seu partido”, criticou Castiñeira, especificando que no caso do Grupo nacionalista este ten “máis asesores que alcaldes”.
Os socialistas Verdes e Piñeiro, veterinarios provinciais
Relacionado co anterior, o caso máis chamativo de favoritismo laboral prodúcese na convocatoria da bolsa de veterinarios, quedando en primeiro lugar Sonia Verdes (PSOE), ex deputada autonómica ao mesmo tempo que José Tomé Roca e, de segundo, Daniel Piñeiro (PSOE), ex concelleiro en Lugo. Hoxe, tal e como se observa no decreto de presidencia, os citados socialistas xa ocupan praza os dous.
Outra proba máis do argumento do Grupo do PP é o mal estado da maior parte da rede viaria, que provoca molestias, riscos e avarías nos vehículos. Fronte á inacción do goberno provincial, o grupo popular percorreu as estradas de norte a sur e de este a leste, en moitos casos a petición dos veciños. Fronte a isto, o presidente Tomé, responsable director de Vías e Obras, “chegou a poñer desculpas fantasiosas, falando de teorías da conspiración e engadindo que o traballo da oposición na Deputación é ridículo, cando está chegando á xente”, explicou.
“Goberno lento”
Outra das conclusións dos populares é que “é un goberno lento”. Así se reflicte na adopción de medidas para frear a pandemia e para paliar as súas consecuencias económicas e sociais. “Mentres socialistas e nacionalistas estaban desaparecidos, o grupo provincial do PP reclamaba medidas para axudar a frear a pandemia, ofrecía colaboración permanente para levalas a cabo e demandaba un plan de axudas directas aos sectores produtivos. O goberno provincial resistiuse unha e outra vez e cando se decidiu a sacar o que debía ser un plan de impulso, ao que chamou Impulsa, resulta que está a ser un plan 0. Ata o di a Valedora do Pobo”, sinalou o popular.
Esta falta de previsión por parte do goberno provincial tamén se observa na política fiscal da entidade, pois segundo se pode extraer do informe publicado no Portal de Transparencia, o tempo que tardou a Deputación en pagar a proveedores algún mes de 2021 superou os 36 días, cando a lei fixa este prazo en 30. A Xunta de Galicia, pola contra, tarda unha media duns 11 días.
Foron, ademais, dous anos nos que o goberno provincial actuou con “sectarismo”, como se viu con total claridade na sinatura de convenios cos Concellos da provincia. O pasado ano as entidades locais gobernadas polo PP recibiron 10 veces menos de asignación que os do PSOE e 4 menos que os do BNG. Tan só un Concello do PP recibiu 150.000 euros fronte aos 1,4 millóns que inxectou en 14 socialistas, e aos 713.000 nos 6 nacionalistas.
“Continuismo” e só centrados en Feijóo
Os populares tamén consideran que, durante o que leva de mandato Tomé Roca, os orzamentos foron “continuistas”, a pesares de que foi un tempo realmente excepcional a causa da pandemia e das súas consecuencias. “Ten anclado o Plan Único, a pesares de que lle pedimos que subise as dotacións para os Concellos para afrontar a crise. Segue igual que no momento en que Elena Candia e Darío Campos o deseñaron no ano 17”. Asemade, “foi un tempo no que o goberno provincial preferiu usar a Deputación, por exemplo, para facer oposición á Xunta presidida por Alberto Núñez Feijóo, no canto de impulsar o tecido socioeconómico da provincia e en cumprir a razón ser que ten esta institución, que é a colaboración e cooperación coas entidades locais”, sentenciou o voceiro do PP.
Por este motivo, Javier Castiñeira adianta dende o PP seguuirá traballando para ofrecer outro modelo e outro proxecto de provincia que realmente cubra as necesidades dos Concellos e, sobre todo, a dos veciños que residen neles.