Os populares pídenlle ao Goberno Central que “deixe de poñer escusas” e ofreza unha solución para Alcoa

TerraChaXa | AMariñaXa
O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, pediulle ao Goberno Central no Pleno do Parlamento que “deixe de poñer escusas” e ofreza unha solución inmediata para Alcoa.
12 Xuño 2019

O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, pediulle ao Goberno Central no Pleno do Parlamento que “deixe de poñer escusas” e ofreza unha solución inmediata para Alcoa.  Así, explicou que esta deberá pasar pola consecución dun prezo eléctrico estable, “tanto no caso de Alcoa Coruña como se pensamos no futuro do resto da industria electrointensiva galega e os 5.000 postos de traballo asociados”.
“Ata agora os incumprimentos do Goberno están poñendo en risco o futuro desta industria, polo que é preciso que dunha vez por todas afronte as súas responsabilidades: contar co estatuto de consumidores electrointensivos, xa que se comprometa a telo aprobado en abril; e rectificar a súa política enerxética, xa que a última poxa de interrompebilidade convocada é claramente insuficiente, reducindo o número de bloques de 40MW e o prezo de saída dos mesmos”, manifestou.
Neste sentido, Tellado tamén incidiu en que “non é admisible que o Goberno xogue cos traballadores e realice cálculos electorais, convocando a poxa ao día seguinte das municipais”.
Na súa intervención, o viceportavoz popular recomendoulle ao BNG que, neste escenario de negociación de pactos en concellos e deputacións, “demostre as súas preocupacións reais e lle esixa ao PSOE a aprobación dun marco estable e o abaratamento da enerxía a cambio do seu apoio”.
Do mesmo xeito, amosouse “sorprendido” pola emenda que defenderon os socialistas, “dando que entender que confirma que Pedro Sánchez enganou a todos os galegos cando veu a un mitin á Coruña a dicir que todos os problemas das electrointensivas estaban solucionados”.

0.14817500114441