Os populares sinalan en Guitiriz que “temos que votar todos unidos”
Os populares subliñaron en Guitiriz que, para asegurar a unidade de España, “temos que votar todos unidos”. Esa foi a mensaxe unánime que trasladaron aos asistentes que esta tarde se concentraron na Casa Habanera para escoitar ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, ao cabeza de lista ao Senado, José Manuel Barreiro, á presidenta provincial, Elena Candia, e ao presidente do PP local e candidato á alcaldía, José María Teixido.
Deste xeito, dende o PP pediron o apoio dos asistentes para que goberne Pablo Casado, pois, en palabras de José Manuel Barreiro, “Sánchez é unha ameaza porque está poñendo en risco a economía e o emprego”. Proba delo, indicou é que “rompeu o diálogo social e quere enchernos de impostos ás clases medias e aos autónomos”. “Esas son as súas políticas económicas: máis débeda, máis gasto público... a que vos soa iso? Isto xa o tivemos con Zapatero e todos sabemos como acabou o país e padecemos as súas consecuencias. Logo chegou o PP e levantamos o país. Por tanto, o PSOE gasta, e o PP aforra. Esta é a conclusión de quen fai útiles as administracións e quen as utiliza para todo menos para administralas”, afirmou con rotundidade o popular.
E é que, segundo remarcou, “nunca houbo tanto emprego, nin se pagaron tantas pensións, nin os servizos públicos funcionaron mellor que cos gobernos do PP”.
Na mesma liña, a presidenta provincial apuntou que unha división no voto “só favorece a Sánchez e aos que queren dividir o país”. “Non nos levemos a enganos, Sánchez gobernará con Torra, Puigdemont e Otegui. Xa o fixo e darle o apoio sería repetir a mesma maioría que o fixo presidente”. Por iso, sinalou, é importante “que pensemos que nos interesa como galegos e lucenses, porque vendo os Presupostos que presentou, e que grazas que os compañeiros no Congreso os tumbaron, o seu No es No só é para Galicia e para Lugo, onde nos recorta máis dun 30% a inversión, mentras que para os cataláns e os vascos todo é Si es Si”.
Con todos estes argumentos, dende o PP apelaron, unha vez máis, a que o voto se aglutine no Partido Popular como garantía de estabilidade e de gobernabilidade.