Os populares solicitan á Mancomunidade coordinar as medidas de seguridade no sector turístico
Os populares solicitan ao presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña a convocatoria dunha reunión urxente cos alcaldes dos Concellos da comarca de cara á coordinación das actuacións e medidas de seguridade a adoptar para a reactivación do sector turístico. Así o manifestou o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, como representante dos rexedores do PP na Mancomunidade de Concellos da Mariña, tras manter unha reunión de traballo coa presidenta do PP da provincia de Lugo, a mariñá Elena Candia.
“Unha vez que o presidente do Goberno ten anunciado a apertura do turismo para este verán en España e que a comarca mariñá se presenta como importante zona receptora de turistas e visitantes, a Mancomunidade ten que tomar o seu papel como xestora do xeodestino da Mariña e liderar un plan de actuación para garantir as condicións de seguridade dos veciños e veciñas da Mariña en relación á reactivación do sector turístico”.
Así, defenden que ante a situación de crise sanitaria, “é fundamental a coordinación das medidas a adoptar en tódolos concellos do xeodestino” de cara a ofrecer unha postura común en toda a comarca á hora da recepción de visitantes. Isto supón o seguimento eficaz das medidas establecidas para este proceso de desescalada e de cara á denominada nova normalidade para cumprir en todo momento as recomendacións sanitarias”. Sinalan, así mesmo, que “A Mariña pode posicionarse como destino seguro apoiándose nos indicadores técnicos que colocan á nosa provincia entre as que contan con menor afectación por coronavirus en España”.
Os populares ofrecen a súa colaboración para lograr os obxectivos de impulso do sector turístico a medio e longo prazo e inciden “en levar a cabo un traballo coordinado de cara á reactivación económica da nosa comarca, que é vital neste momento; respectando sempre as recomendacións sanitarias”. Con ese mesmo fin, agardan dende o PP que “a Deputación de Lugo mobilice recursos de cara á reactivación específica do sector turístico”.
Convenio da Xunta
A Xunta de Galicia, pola súa banda, da man dun convenio bianual asinado entre Turismo de Galicia e a Mancomunidade é a primeira administración en apoiar as iniciativas de promoción turística do xeodestino. Só nos dous últimos anos achegou 160.000 euros para a promoción turística da Mariña, o que supón o 85% do orzamento do xeodestino. “O goberno galego renovará este ano o convenio para seguir apostando pola Mariña lucense e para cooperar na reactivación turística da zona no escenario post covid-19”, expoñen.
Potencial turístico
Os populares defenden a riqueza da Mariña en elementos naturais, patrimoniais, culturais e artísticos e unha gran cantidade de recursos ao aire libre que posibilitan un modelo turístico non masificado que a coloca nunha posición privilexiada para o deseño de estratexias turísticas a medio e longo prazo.
Tendo en conta que “o turismo é un sector fundamental” para a economía da zona e que se viu especialmente afectado pola crise sanitaria e económica do coronavirus, “a Mancomunidade da Mariña non pode esquecer a promoción e difusión dos nosos recursos ao medio e ao longo prazo”. E, a este respecto, defenden que “a reactivación do turismo contribuirá a impulsar ao sector hostaleiro da Mariña, paralizado por mor da crise ao verse obrigado ao peche, a afrontar procesos de regulación de emprego e distintos problemas de liquidez”.
Cabe recordar tamén que a provincia de Lugo foi a que rexistrou un maior incremento na recepción de turistas entre as provincias galegas durante o 2019 nun ano no que Galicia obtivo cifras de récord. E agora, trala autorización para a mobilidade nacional neste verán, “a Mariña é un importante foco receptor de turistas” e, polo tanto, “debemos estar preparados para recibir xente respectando as condicións de seguridade”, conclúen.