Os Premios da Crítica de Galicia recaeron na provincia de Lugo

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Deuse a coñecer o ditame da XLVª edición dos Premios da Crítica de Galicia con gañadores na provincia de Lugo
premios da critica galicia provincia
24 Nov 2022

No decurso dun acto na sede de Afundación de Vigo deuse a coñecer o ditame da XLVª edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. Algúns deles foron para Triascastela, Foz, A Fonsagrada e Palas e tamén con finalistas en Xermade.

Baixo o lema Galicia é infinda do poeta Florencio Delgado Gurriarán, xuntáronse trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, Elena Espinosa en representación da alcaldía de Vigo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, así como once alcaldías de diversos concellos do país.

No transcurso do acto, que foi conducido pola escritora Ledicia Costas, Bieito Ledo, presidente e fundador dos Premios da Crítica de Galicia, fixo un percorrido pola memoria desta iniciativa pioneira organizada en Vigo dende hai corenta e cinco anos.

Dende comezos do mes de outubro, as 56 persoas compoñentes dos oito xurados, que se unen ao máis de mil catrocentas participantes ao longo de toda a súa historia, traballaron e ditaminaron de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.

A Cova de Eirós, premio de Iniciativas Culturais e Científicas 2022

O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Xosé Aldea, editor e xestor cultural; Lois Celeiro Álvarez, xornalista; Belén López Vázquez, editora; Celia Pereira Porto, avogada, presidenta da Fundación Vicente Risco; Mar Mato, xornalista cultural; Xosé Luís Regueira, membro da RAG, profesor da USC e Xosé María García Palmeiro, xornalista, secretaría en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cabreiros (Xermade). Veinticinco anos dunha experiencia rural colectiva; Código Cero Comunicación e Investigación do Paleolítico das Serras Orientais. A Cova de Eirós (Triacastela).

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Investigación do Paleolítico das Serras Orientais. A Cova de Eirós (Triacastela).

O xurado salientou a importante dimensión espacial e temporal dunha iniciativa cultural e científica de longo alento, que abre as portas ao coñecemento do Paleolítico no territorio galego. Unha tarefa desenvolvida polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio do departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Asemade, salientou o potencial desta investigación para a dinamización dun espazo rural de menos de mil habitantes e as sinerxías coa veciñanza propiciadoras da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) en 2017.

Ugia Pedreira, premio de Música 2022

O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por Alejo Amoedo, pianista e investigador, gañador da edición anterior; Bea Camiña, comunicadora cultural; Juan Durán, compositor; Najla Shami, cantante e compositora; Arturo Vaquero, produtor, responsable de Abrigueiro Estudios; Woyza, cantora e compositora e Claudia Morán, xornalista, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Orquestra Vigo 430; Ugia Pedreira e Isabel Samartim.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Ugia Pedreira.

O xurado salientou de Ugia Pedreira a súa traxectoria creativa, interpretativa e formativa como cantora de raíz mariñán que desenvolveu un proxecto artístico alternativo vencellado coa propia terra.

Mónica Alonso, premio de Artes Plásticas 2022

O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por Pepe Barro, deseñador; Fátima Cobo Rodríguez, xestora cultural; Luz Darriba, artista; Carlos Rodríguez Fernández, fotógrafo; Teresa Táboas Veleiro, arquitecta e Afonso Vázquez Monxardín na secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Mónica Alonso; Uqui Permui e Cenlitrosmetrocadrado.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Mónica Alonso.

O xurado salientou de Mónica Alonso o excelente traballo de toda a súa careira, a reflexión dobre a cor como forma de comunicación entre seres humanos, e neste anos premiado 2021, a súa exposición A maxia do colibrí, 6 casos desesperados no Marco de Vigo, o comisariado da mostra Cor e sentimentos sobre Manuel Colmeiro, na Fundación Luís Seoane na Coruña e a súa participación na exposición colectiva Galicia Futura no Museo da Cidade da Cultura de Galicia no Gaiás, en Compostela.

Así mesmo, o xurado salientou os méritos indubidables de todos os artistas propostos por calidade de internacionalidade e recomenda unha revisión das categorías para establecer xurados e premios específicos para Deseño e Arquitectura.

María Varela, premio de Cultura Gastronómica 2022

O xurado da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por Queixaría Arias Moniz, empresa gañadora edición anterior; Maica Couto Míguez, profesora de Formación Profesional de Hostelería e Turismo; Carmen Prado Pico, xornalista; Ángeles Romero, catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC (campus de Lugo); Marcos Soriano Acero, consultor de industrias agroalimentarias; Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa,doutor en Química, actual presidente da Confederación de Empresarios de Galicia e Blanca Ana Roig Rechou, catedrática da USC, secretaría, en representación dos Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Asociación de desenvolvemento rural Mariñas Betanzos ; ao chef Moncho Méndez do restaurante Millo Orzán; a María Varela como cociñeira de A parada das bestas e á revista Pincha.

Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio María Varela como cociñeira de A parada das bestas.

O xurado salientou a María Varela polo seu facer como cociñeira en A parada das bestas, por ter loitado desde 1992 polo proxecto co seu home Suso, con só 24 anos de idade, por apostar por un proxecto de vida común, no que a prioridade foi a excelencia baseada en dous piares fundamentais: a honestidade do traballo, e a difusión e o fomento do patrimonio cultural e gastronómico da zona da Ulloa. María recuperou receitas da cociña tradicional con toques de modernidade apostando sempre polos produtores e gandeiros locais. Unha aposta arriscada que conseguiu facerse co tempo un nome no mundo da gastronomía. Hoxe en día moitos dos produtos da comarca se coñecen e andan polo mundo grazas a este matrimonio. Son un modelo de referencia que ten que ser recoñecido pola camiño percorrido.

Esta XLVª edición dos Premios da Crítica de Galicia estivo patrocinada polo Concello de Vigo, A Xunta de Galicia e a Deputación provincial de Pontevedra, sendo entidades colaboradoras Afundación e Sargadelos. Contou ademais co patrocinio de trinta empresas e entidades de produtos galegos de calidade, etiquetados na nosa lingua.

Ademais, outros premios concedidos este ano foron para  A figuración galega en Irlanda (1840-1936) de Xavier R. Madriñán, que foi premio de Investigación. N.E.V.E.R.M.O.R.E de Chévere recibiu o premio de Artes Escénicas e Atalante, premio de Cine e Artes Audiovisuais. Finalmente, O que fica fóra de Manuel Rivas (Apiario) foi o premio de Creación Literaria.

premios da crticia galicia

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16540598869324