Mancomunidade e FCAM analizan a complicada situación do comercio e a hostalería
O presidente da Mancomunidade da Mariña, Fran Cajoto, asegurou hoxe que se está a traballar desde esta entidade para que as directrices que dita o Goberno do Estado se cumpran na comarca. Tamén indicou que os Concellos están en permanente contacto e comparten información e experiencias sobre as medidas adoptadas diante da alerta sanitaria que estamos a sufrir. Cajoto mantivo contacto co presidente da FCAM, José Carlos Paleo, para falar da complicada situación pola que están a atravesar o comercio e a hostalería e estudarán futuras accións ou plans a levar adiante para revitalizar e axudar a estes sectores.
Fran Cajoto declarou que “estamos nuns momentos difíciles coa crise do coronavirus encima, agora mesmo estamos coa alerta sanitaria, os corpos e forzas de seguridade velando porque se cumpran todas aquelas indicacións que marcan desde o goberno central. Desde o Concello de Foz, neste caso como alcalde, e tamén como presidente da Mancomunidade da Mariña, estamos traballando a todas horas para que estas directrices se cumpran, para que da mellor maneira posible todos aqueles requerimentos de documentación, de seguimento e demais se leven adiante polos distintos corpos de policía e por todos os usuarios, estamos incrementando e implementando as medidas sociais, neste caso está tamén o Concello de Foz ao igual que o resto de Concellos para que ninguén se sinta excluído”.
O presidente deste ente explicou que “desde a Mancomunidade estamos en contacto uns alcaldes cos outros, analizando todas as medidas que se están a adoptar para facelo da forma máis coordinada posible, aínda que isto cambia minuto a minuto e hora a hora. Estamos en contacto tamén para prover daquel material que se necesite de forma coordinada, pasándonos os contactos ou os provedores uns aos outros. Sabemos que agora mesmo os subministros se centralizan no goberno de España, porque hai unha primeira prerrogativa que é atender aos centros sanitarios e aos centros de saúde. Cando amainen un pouquiño as augas, aínda que sigamos no confinamento, xa se están pensando nesas actuacións que podemos facer. Saíu onte ese Real Decreto para, na medida do posible, reactivar a nosa economía, tamén desde a propia Mancomunidade favorecer ese impulso económico unha vez pasado este período para todas aquelas entidades, comercios e outros que o están pasando mal, que poidan sobrelevalo da mellor maneira posible”.
Nas últimas horas Fran Cajoto estivo en contacto telefónico co presidente da FCAM (Federación de Comercio A Mariña) e dixo que “aquí estamos co noso apoio desde a Mancomunidade da Mariña. Onte estiven falando tamén con José Carlos Paleo, presidente da Federación de Comercio, interesándome pola situación complicada que van vivir autónomos, pequenas empresas e demais. Ao final o que facemos é un chamamento a intentar garantir os traballos da mellor maneira, todos aqueles traballos que se poidan garantir intentar soportalos e desde logo falando xa de colaboracións futuras para cando pase esta crise e así poder reactivar o sector”.
Para o presidente da Mancomunidade “ao final cando temos unha situación destas características vese quen realmente está ao pé do canón, os veciños que se apoian uns aos outros e por iso sempre facemos un chamamento, na medida do posible, para que despois unha vez que pase esta crise sanitaria, todos e todas apoiemos o comercio local porque é realmente quen soporta o golpe, porque é quen nos apoia para as festas e para todos os eventos que se fan nos distintos Concellos, e máis que nunca o comercio nos vai necesitar, os autónomos nos van necesitar e os empregadores locais, e o que temos que facer desde a Mancomunidade e desde cada un dos Concellos é apoialos nestes tempos que van vir e que non van ser bos. Si eles apoiaron o deporte, as festas, a cultura durante moitos anos agora tócanos a nós apostar cada día máis polo comercio e pola hostalería que temos máis preto, a carón das nosas casas, porque sen eles os pobos quedan sen vida”.