Os profesores da Uned crean unha asociación para reivindicar máis estabilidade laboral
TerraChaXa | LugoXa
A Universidade Nacional de Educación a Distancia, fundada en 1972, é a maior institución pública estatal e unha das meirandes de Europa por número de estudantes, máis de 150.
17 Out 2019
A Universidade Nacional de Educación a Distancia, fundada en 1972, é a maior institución pública estatal e unha das meirandes de Europa por número de estudantes, máis de 150.000. Ademais de ser atendidos a distancia polos profesores da sede central, reciben atención presencial dunha plantilla de profesorado titor formada por máis de 6.000 docentes repartidos por distintos centros no Estado e parte do estranxeiro. Pero arrecian as críticas sobre a situación irrregular na que se atopan.
A Uned en Galicia ten cuatro centros pricipais: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, mailas súas extensións en varias localidades. Entre todos eles hai aproximadamente 400 profesores titores.
Estes docentes, como os do resto do Estado, desempeñan o seu labor dun xeito irregular, segundo informan dende a asociación do profesorado, sen contrato laboral e sen alta na Seguridade Social e por tanto, sen cotizacións nin prestacións, sen dereitos laborais, nin sociais, debido a que se rixen por unha lexislación obsoleta, un Real Decreto de 1986, que os equipara a becarios e que entra en contradición con elementos recollidos na Constitución e na lexislación dos traballadores.
Os distintos equipos rectorais da Uned e autoridades educativas teñen recoñecido, segundo o colectivo, ao longo dos anos, a existencia deste problema pero nunca se tomaron medidas para solucionalo. A situación é especialmente grave nun nomento, sinalan, no que se está extremando a esixencia a todas as entidades públicas ou privadas de cotización polos seus traballadores e consideran que unha universidade pública debera dar exemplo.
É por isto que se ten constituído a Asociación Profesorado Titor Uned pola súa Regulación Xurídico-Laboral, que arrinca este curso dando a coñecer a situación do colectivo a organismos e entidades a nivel mesmo europeo, así como á opinión pública.
Entre os obxectivos inclúen a posta en marcha das accións necesarias para reivindicar os seus dereitos e a regularización da situación. Expoñen máis información na web e no blog do colectivo www. profesoradotutoruned.es.