Os Reis Magos chegarán a Guitiriz na tarde do día 5 para a tradicional Cabalgata

TerraChaXa
As maxestades de Oriente visitarán Parga e a capitalidade nunha xornada amenizada con actuacións musicais e de baile
cabalgata-guitiriz
30 Dec 2025

O Concello de Guitiriz prepárase para vivir unha das xornadas máis especiais do ano coa chegada dos Reis Magos de Oriente o vindeiro 5 de xaneiro. Como xa é tradición, as súas Maxestades visitarán o municipio nunha xornada pensada para o desfrute dos nenos e nenas e de todo o vecindario.

A cabalgata e os actos de benvida estarán organizados, un ano máis, polo Concello de Guitiriz en colaboración coa Asociación Xermolos, cunha programación variada e chea de maxia.

A tarde dará comezo ás 15:30 horas en Parga, onde os Reis Magos saudarán aos máis pequenos no Campo da Feira de Parga. Xa ás 17:00 horas terá lugar a recepción oficial en Guitiriz, na Casa do Concello, desde cuxo balcón as súas Maxestades saudarán aos veciños e veciñas.

A continuación, a comitiva partirá cara ao Pavillón Municipal Jonathan Carro Paz, onde os Reis Magos realizarán unha recepción aberta a toda a cidadanía, escoitando con atención os desexos e ilusións dos máis pequenos da casa. A xornada estará amenizada polas actuacións de Caivanca, o Bloquinho de Xermolos e a Escola de Música Tradicional Xermolos, na que será unha tarde chea de música, baile e bo ambiente.

Ademais, ofrecerase chocolate con churros para todas as persoas asistentes, poñendo o broche doce a unha celebración pensada para compartir en familia.

⚙ Configurar cookies
0.15456390380859