Os Reis Magos visitarán a maior parte dos concellos da comarca este venres
A comarca chairega prepárase para a chegada dos Reis Magos que visitarán o venres a maior parte das localidades durante a tarde para participar en todas as cabalgatas previstas nesta xornada na que os máis pequenos cobran protagonismo.
Percorridos, festas, entrega de agasallos, cada un dos pobos chairegos ten a súa receita, pero o que si está claro é que non faltarán á súa cita anual coa cativada.
ABADÍN
O prato forte da programación de Nadal será a visita dos Reis Magos. A primeira parada da comitiva será no centro de día, onde visitarán aos maiores, aos que entregarán un agasallo, como fan todos os anos.
Unha vez rematada esta visita, sobre as 16.30, achegaranse ata o Concello para facer a recepción oficial de todos os pequenos, aos que entregarán o seu agasallo e tamén recollerán peticións para entregar durante a noite nos fogares.
A cabalgata é xa unha tradición en Abadín, xa que todos os pequenos empadroados reciben una agasallo nesta tarde tan especial.
A PASTORIZA
O venres día 5 de xaneiro, a partir das 16:30 horas, os pequenos da Pastoriza poderán desfrutar dunha nova visita dos Reis Magos de Oriente, que farán a súa tradicional cabalgata desde o concello, onde sairán ao balcón, ata o local social da Ladrilleira.
Todos os nenos e nenas que asistan á recepción, a partir das 17.00 horas, poderán saudar e conversar coas súas maxestades, meter a carta no buzón real que os acompaña, sacar a foto de rigor e por suposto todos levaran un agasallo.
A partir das 17.30 os asistentes poderán desfrutar dunha merenda co roscón e chocolate e, ao finalizar, actuación de Pequedisco.
AS PONTES
A programación de Nadal terá o seu broche de ouro o día 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis Magos, que sairá ás 18:00 da Rúa Monte Caxado para facer o seu percorrido habitual e rematar coa recepción real.
BEGONTE
E o prato final das festas de Nadal será a tradicional cabalgata, que se celebrará o xoves 5 a partir das 17.00 horas. Se o tempo o permite haberá percorrido polas rúas. Se non é así, os Reis recibirán aos pequenos no pavillón municipal de Begonte.
CASTRO DE REI
O día 5 será a chegada dos Reis Magos de Oriente, que ao longo da mañá serán recibidos polo alcalde. Visitarán as residencias de maiores San Xoán De Castro de Rei Domus VI, Cruz Vermella e Gardería Municipal.
Ás 18:30 horas está prevista a saída da cabalgata detrás do Río Lea. Percorrido polas rúas da Vila e recepción na Casa de Cultura aos nenos, onde entregarán bolsas de larpeiradas sen glute. A sesión estará animada polo Mago David Méndez e haberá unha Gran Chocolatada.
COSPEITO
A programación local reforzarase o día 5 coa tradicional Cabalgata dos Reis Magos, que percorrerán o termo municipal dende as 17.30 horas, con saída do pavillón municipal da Feira do Monte e con visita tamén ao centro de día de Valverde.
Tamén haberá inchables e chocolate con churros. Non faltarán os tradicionais agasallos.
FRIOL
O Concello de Friol organiza a súa tradicional Festa de Reis un ano máis para todos os nenos e nenas do municipio e para as súas familias. Os máis cativos poderán gozar da cita que se celebrará, como vén sendo habitual, no pavillón municipal o día 5 de xaneiro.
Poderán asistir os nenos e nenas que recibiran nas súas casas a entrada para o festexo, que comezará ás 17.00 horas. Cada unhas das entradas están personalizadas e levan un número grazas ao cal poderán participar nun sorteo de numerosos agasallos que se realizará esa mesma xornada, polo que deberán levar o tícket.
Durante a festa poderán entregar aos Reis Magos as cartas que escribiron para eles. Ademais, tamén poderán gozar de inchables, xogos, entrega de diplomas dos obradoiros de Nadal e poderán desgustar un chocolate con biscoito.
GUITIRIZ
Este venres, 5 de xaneiro, o Concello de Guitiriz e Xermolos organizan a cabalgata dos Reis Magos. Ás 15:30 horas estarán no Campo da Feira de Parga e ás 16:30 horas sairá desde a Ponteveiga, con recepción na Casa do Concello e o posterior recibimento no Campo da Feira de Guitiriz.
Contará con chocolatada e as intervencións de Caivanca, Bloquinho de Xermolos e da Escola de Música Tradicional de Xermolos.
MEIRA
Terá lugar de novo a cabalgata de Reis, que sairá pola tarde dende a praza do Concello e paseará polas rúas de Meira ata o pavillón, onde os Reis Magos se sumarán á festa que se organiza para poder recoller as cartas dos pequenos e escoitar as súas peticións.
Como todos os anos, os Reis percorrerán o camiño ata o pavillón sobre as súas carrozas.
MURAS
O campamento celebrado este Nadal rematará o venres, ás 11.15 horas, coa tradicional festa, que contará con varias sorpresas, entre as que figura a actuación de Vero Rilo, unha chocolatada e a visita dos Reis Magos, esta última ás 13.45 horas.
OUTEIRO DE REI
Un ano máis, o Concello de Outeiro de Rei con motivo destas datas de Nadal organiza para o día 5 de xaneiro a tradicional Festa de Reis, que dará comezo ás 17:00 h coa actuación do Mago Nacho Samena no salón de actos da csa da cultura; ao seu remate, sobre as 18:15 h terá lugar unha festa-merenda con roscón de Reis e lambetadas varias á que está convidada toda a infancia do municipio e que se realizará no pavillón municipal de deportes.
Posteriormente, sobre ás 19:00 h, terá lugar a chegada das súas Maxestades de Oriente ao pavillón municipal que repartirán agasallos aos máis pequenos.
A tal fin, os pais e nais que así o desexen poderán levar os regalos dos seus fillos á casa da cultura (xunto ao colexio) a semana do 2 ao 5 de xaneiro en horario de oficina, e o mesmo venres día 5 tamén pola tarde, de 16:30 h a 19:00 h, ao pavillón para que lles sexan entregados polos Reis na mencionada festa.
POL
A Asociación Mulleres Rurais Olvido de Pol, xunto ao Concello, volverá ocuparse de celebrar a cabalgata de Rei, despois de reanudar a tradición o ano pasado. A cabalgata será o día 5, ás 16.00 horas, coa súa chegada á praza do Concello, para pasar despois á recepción oficial e a parte máis esperada, a entrega de agasallos aos pequenos do municipio.
Ademais dos pequenos, os maiores do concello tamén son protagonistas este día xa que recibirán tamén a visita dos Reis Magos.
RÁBADE
O gran acto final será a Cabalgata de Reis cun percorrido polas rúas desde as 17.00 horas ata a entrega de agasallos, ás 18.30 horas no Concello.
RIOTORTO
O Concello de Riotorto organizará finalmente unha Cabalgata de Reis, que terá lugar o venres. Esta arrincará da casa da cultura ás 20.30 horas percorrendo as principais rúas da vila e con chegada ao salón de actos ás 21.00 horas. Neste lugar está prevista a actuación do coro e o grupo de gaitas de Riotorto. Os Reis Magos terán un agasallo para todos os nenos.
Unha vez rematada a cabalgata servirase un chocolate con roscón de reis no centro sociocultural totalmente gratuíto.
VILALBA
O 5 de xaneiro os Reis Magos chegarán a Vilalba, visitando as parroquias antes da tradicional cabalgata, que terá lugar ás 18.00 horas. Nas parroquias visitarán Ladra e Belesar ás 12.00 horas; Carballido e Lanzós ás 15.30; Saramuto ás 16.30, e Goiriz e Santaballa ás 17.00. En Vilalba sairá do Campo da Feira e irá pola rúa da Feira e Ferrería ata o auditorio.
XERMADE
O programa culminará en Xermade coa recepción dos Reis Magos, o día 5 de xaneiro ás 16.00 horas no pavillón municipal. Haberá música, inchables e algunha sorpresa máis.