Os Servizos Sociais de Friol atenderon a máis de mil personas durante o 2025

O Concello de Friol vén de facer balance da actividade desenvolvida polo Departamento de Servizos Sociais durante o ano 2025, "no que se constata unha intensa e ampla atención á veciñanza", explica o seu alcalde, José Ángel Santos, que asegurou que ao longo do pasado ano, máis de mil persoas recibiron información, orientación e asesoramento por parte do traballador social municipal.
Durante este período tramitáronse preto de 350 solicitudes para o acceso a distintos recursos e prestacións sociais. Entre elas, destacan 72 solicitudes de valoración de dependencia, 12 de discapacidade, 32 correspondentes a diferentes programas de ocio para persoas maiores e 5 solicitudes da Tarxeta Benvida, ademais doutras axudas e recursos. Así mesmo, 21 familias beneficiáronse das axudas municipais de fomento da natalidade tras o nacemento dun fillo ou filla durante o pasado ano.
No que respecta ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), no ano 2025 foron atendidas un total de 119 familias, das cales 103 correspondían a persoas con algún grao de dependencia recoñecido. Dous terzos das persoas usuarias superaban os 80 anos de idade e 23 vivían soas no seu domicilio. Este servizo estivo presente en 27 das 32 parroquias do concello. O SAF préstase a través dunha empresa externa, que contou con máis de trinta auxiliares de axuda no fogar, todas elas mulleres, ademais dunha traballadora social coordinadora. O número total de horas de atención nos domicilios ascendeu a 31.644.
O Concello de Friol dispón tamén dun Punto de Atención á Infancia (PAI) para nenos e nenas de ata tres anos, no que durante o pasado curso escolar se cubriron na súa totalidade as vinte prazas ofertadas.
Detalla o alcalde que, dentro do Programa Corresponsables, desenvolvéronse o Campamento de Nadal, o Campamento de Verán e o Servizo de Madrugadores durante o curso escolar, beneficiándose destas iniciativas un total de 165 familias.
Ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, realizáronse tres actuacións en forma de espectáculos teatrais no colexio público da localidade, co obxectivo de sensibilizar e previr a violencia machista desde idades temperás.
Así mesmo, continúa en funcionamento o Servizo de Atención Temperá (SAT), financiado pola Consellería de Política Social e desenvolvido de maneira conxunta cos concellos de Begonte, Rábade, Guntín e Palas de Rei. O servizo, situado no centro sociocultural de Friol, conta cun equipo multidisciplinar formado por unha terapeuta ocupacional, unha psicóloga, unha logopeda e unha enfermeira. Está dirixido a nenos e nenas de ata seis anos que presenten algunha dificultade no seu desenvolvemento ou risco de padecela. Durante 2025, o SAT atendeu a 69 familias dos cinco concellos participantes, correspondentes a 48 nenos e 21 nenas.
O Alcalde Jose Á. Santos quere “agradecer unha vez mais o traballo de todas as profesionais que fan posible que estes servizos funcionen, e que fan que todas as persoas usuarias de cada un destes servizos estén o mellor atendidas posible”.