Os sindicatos cualifican de desastrosa a reunión da Mesa de Transición Xusta
As organizacións sindicais cualificaron de “desastrosa” a reunión da Mesa de Transición Xusta das Pontes, xa que, segundo aseguran, "non se acadaron garantías para o mantemento de emprego na industria auxiliar e a paralización dos traslados da empresa principal máis alá do 30 de xuño, data na que remata o compromiso logrado anteriormente grazas ás continuas mobilizacións do persoal. Un compromiso que agora está en cuestión ante os novos prazos da tramitación administrativa do expediente de peche da central térmica".
Segundo explican os sindicatos, a xuntanza foi un novo exemplo da confrontación entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a Xunta de Galicia e Endesa, no que se refire ao proxecto de biocombustibles para a central. Neste sentido, as organizacións sindicais critican que despois de ano e medio con probas, e cando na reunión de xaneiro se quedara en concretar o proxecto a quince días vista, “atopámonos cunha proposta presentada pola Xunta de Galiza, sorprendentemente a noite anterior á reunión deste día 2, na que se solicita unha prima de 30 €/megavatio/hora para facer viábel o proxecto”.
A representación social considera “irresponsable” a actitude da administración galega sobre esta cuestión, xa que entenden que só busca "poñerlle deberes" ao Ministerio e a Endesa, mais sen asumir, como goberno galego ningún compromiso. A tal punto, engade Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria, que a pesar de solicitárselle repetidas veces, "a Xunta nin sequera presentou unha proposta empresarial alternativa a Endesa que acepte levar a cabo a súa iniciativa cos biocombustibles".
Endesa, Ministerio e Xunta abandonan o persoal
Mais as críticas dos sindicatos tamén van dirixidas ao Miteco e á propia Endesa por pretender poñerse de perfil nas súas responsabilidades, escudándose na prolongación dos prazos de execución debido ao trámite ordinario de impacto ambiental para o peche formal da térmica. "Utilizan esta escusa para non achegar ningunha solución, só o silencio, ante o inminente impacto que vai ter no emprego. Así non pode haber nin unha transición que sexa realmente xusta, nin se mantén a consigna de non deixar ninguén atrás", asevera Amado. Mais ben ao contrario, con esta inacción, "os efectos sobre o emprego serán demoledores".
"Estamos a ver como os traballadores/as están sendo abandonados, sen garantírselles alternativas, mais desta situación teranse que responsabilizar a Xunta de Galiza, o Miteco e Endesa", subliñan as centrais sindicais. Fronte a este futuro incerto, esixen medidas inmediatas para avanzar nunha transición xusta e que garanta o emprego durante o proceso administrativo que se prolongará polas alegacións presentadas ao procedemento medioambiental pola Xunta de Galiza e a administración local.
Neste senso, Amado tamén reiterou a necesidade de que se concreten xa os proxectos e alternativas para garantir o futuro industrial das Pontes, que permitan o mantemento do emprego e da economía da localidade ante o impacto do peche da central..
O Protocolo de Transición Xusta, sen avances
E nesta liña, na xuntanza, as centrais sindicais volveron demandar a sinatura do Protocolo de Transición Xusta, para posteriormente formalizar o Convenio de Transición Xusta para As Pontes, "pero unha vez máis atopámonos co enfrontamento Ministerio-Xunta, sobre cuestións de cogobernanza e formación, sen que ao final quedase claro tampouco se íamos avanzar na creación deste instrumento para impulsar unha transición xusta".
"Para nós, o tempo real remata o 30 de xuño, e a partir desa data estamos na maior das indefensións", alertaron.