Os sindicatos de Alcoa reclaman unha xuntanza urxente na Xunta

TerraChaXa | LugoXa
24 Ago 2019

O comité de empresa solicitou este venres o encontro con Núñez Feijóo a quen lle demandarán "a intervención activa do goberno galego" e sinalan a falta de capacidade do Estado para dar unha solución "urxente".

Os sindicatos queren “transmitirlle de primeira man as preocupacións, pedirlle a intervención activa do Goberno galego e que os informe das xestións realizadas. Piden, ademais, que o encontro se celebre na factoría cervense, “por ser o foco do problema”.

Os representantes dos traballadores informaron da petición a través dun comunicado no que reiteran a súa preocupación polo futuro da planta, despois de que este mércores a dirección da multinacional rexeitase suspender a parada de cubas que iniciou o luns.

“A actual situación política no Estado, cun goberno en funcións, semella non ter capacidade para dar solución ao problema raíz, o que nos acerca máis ao abismo pois afasta a data dunha solución que se manifesta urxente“, explican no comunicado.

PREZO DA ENERXÍA. “Dentro deste escenario consideramos necesario que a Xunta de Galicia interveña activamente para asegurar a viabilidade e futuro desta industria, realizando todas as xestións posibles para a consecución, canto antes, dun sistema tarifario estable no tempo e cun prezo competitivo que nos sitúe en pé de igualdade cos demais países da Unión Europea. Situación que nos permitirá seguir traballando e xerando riqueza no pais”, argumentan.

VISITA DA MINISTRA. Despois de que, a petición dos sindicatos, a ministra de Industria confirmase a súa visita á planta de Cervo, o pasado mércores, o director de Enerxía e Minas do goberno galego, Bernardo Tahoces, sinalou que a Xunta “espera acompañar” a Reyes Maroto.

0.14314079284668