Os socialistas acusan ao PP de vetar unha proposta para consensuar o novo plan forestal de Galicia

TerraChaXa
O portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, José Antonio Quiroga, lamentou o veto do PP a unha moción socialista con ata 11 propostas para cambiar a xestión dos montes que foron rexeitadas en bloque polo PP.
21 Nov 2017

O portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, José Antonio Quiroga, lamentou o veto do PP a unha moción socialista con ata 11 propostas para cambiar a xestión dos montes que foron rexeitadas en bloque polo PP. Acusou ao PP de intentar “despachar” esta iniciativa, que comezaba propoñendo consensuar o novo Plan Forestal cunha emenda emprazando á Comisión de Estudo sobre os incendios.

O responsable socialista alertou do “escepticismo de partida” que espertan os vetos do PP contra estas propostas cando “estamos nun momento delicado ante o que nos presentamos con espírito construtivo” que é respondido polo PP “intentando desviar o debate sobre algo tan importante e que preocupa tanto á sociedade galega”.

José Antonio Quiroga explicou que esta proposta incluía pedirlle á Xunta aprobar “con urxencia” o novo Plan Forestal de Galicia “e envialo para a súa tramitación no Parlamento de Galicia” incorporando “os criterios de explotación racional do monte, sustentabilidade e multifuncionalidade” e “superando os criterios meramente produtivistas.

Reclamaba ademais “converter aos núcleos rurais en zonas refuxio contra os lumes forestais” incrementando as franxas de protección das zonas arboradas a 100 metros, tal e como fixara o goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño e que foi reducido drasticamente por Feijóo.

Instou a “axilizar a aprobación do Pladiga e modificar o sistema de financiamento do persoal contratado para asegurar que os traballos de prevención poden ser efectuados antes do 30 de xuño de cada ano”. Tamén solicitaba reorganizar o dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais “para garantir a súa efectividade”, reducindo a contratación precaria destes traballadores.

Os socialistas lamentaron o veto á posta en marcha de programas de formación continua dos responsables de extinción de lumes forestais, así como unha campaña de prevención e control das queimas.

Tampouco quixeron aprobar calquera tipo de cambio das Sofor para “instrumentar os cambios nas políticas de agrupación de fincas forestais” ou dotar ao Banco de Terras “do sustento orzamentario e persoal necesario para que poida cumprir coas funcións encomendadas”.

0.098578929901123