Os socialistas celebraron en Foz a tradicional xornada de fraternidade coa que conmemoran o Día do Traballador
O Secretario Xeral Provincial, Álvaro Santos Ramos, o Senador do PSOE electo, César Mogo, a Deputada electa do PSOE no Congreso, Sonsoles López Izquierdo, e o candidato do PSOE á alcaldía de Foz, Francisco Cajoto, deron comezo este mércores á tradicional xornada de “fraternidade”, que celebrou o PSOE na área recreativa do Santo Bispo, no Concello de Foz, con motivo do 1 de maio, Día do Traballador. 200 compañeiros participaron nesta cita, na que os socialistas puxeron en valor as medidas levadas a cabo polo PSOE para blindar os dereitos dos traballadores.
Así o destacaron ditos representantes do PSOE que subliñaron que “nesta xornada poñemos en valor as nosas orixes, hai 140 anos, cando o Partido Socialista xurdiu como unha ferramenta social para mellorar a vida dos nosos veciños. E iso foi o que fixemos os socialistas durante 10 meses no Executivo do Estado. Deseñamos políticas que acabaron coa desigualdade salarial, coa precariedade laboral, coas diferenzas entre territorios… E como? Subindo o Salario Mínimo Interprofesional ata os 900 euros a 37.000 lucenses, sendo o incremento máis alto da historia; recuperando o dereito a paro para os maiores de 52 anos, ampliando os permisos de paternidade, que chegarán ata as 16 semanas; subindo as pensións a 118.000 lucenses, para que despois de estar moitos anos traballando teñan unha vida digna; mellorando as condicións dos 34.000 autónomos da provincia, que agora teñen dereito a paro e a unha baixa de ata 2 anos”.
Santos Ramos destacou que “fomos os socialistas os responsables de todos e cada un dos dereitos, oportunidades e avances sociais que acadamos no país, demostrando que a xustiza social ben da man do PSOE, o partido que naceu por e para defender por igual os dereitos de todos os cidadáns. Fomos nos, no Congreso da Segunda República en París de 1889, o que declarou o 1 de maio como o Día do Traballador. Fixémolo en recoñecemento da revolución que, ese mesmo día, tres anos atrás, en 1886, iniciaran os obreiros para reclamar unha xornada laboral de 8 horas; algo tan simple que, das 24 horas que ten o día, 8 fosen para traballar, 8 para estar coa familia e 8 para durmir. E seguimos sendo os propulsores de todos os avances en material laboral e de benestar social porque este é o noso modelo de sociedade. Por iso, a cidadanía elixiu o noso proxecto político para os próximos 4 anos en España, para seguir avanzando nos dereitos laborais”.
Lugo, a provincia galega coa taxa de paro máis baixa de Galicia
O Secretario Provincial subliñou que “na provincia ten baixado o paro un 1% en xeral e un 2% nas mulleres respecto á mesma EPA de 2018, sendo a provincia galega coa taxa de paro máis baixa co 8,9. Isto significa que os venres sociais do Goberno de Pedro Sánchez, tan criticados e deostados pola dereita, significaron máis oportunidades e mellores condicións de traballo para todos os lucenses. E porqué? Porque os socialistas queremos que haxa cartos para os traballadores e non para rescatar bancos ou autopistas.
“Comeza o camiño para cambiar Foz”
O candidato do PSOE á alcaldía de Foz destacou que “hoxe, 1 de maio, empezamos o camiño para cambiar Foz. E o facemos polo desgoberno, o despilfarro e o despotismo do PP e do seu Alcalde. Desgoberno porque temos problemas de mobilidade, estradas sen rozar, parroquias abandonadas, pouca planificación e moita improvisación. Despilfarro porque temos o Concello intervido, gastos fora de contabilidade, amiguismos e privatización da xestión pública. E despotismo pola utilización do Concello para atacar ao PSOE e porque hai focenses de primeira e de segunda. Só quedan 25 días para as municipais e os socialistas imos saír a gañar as eleccións. Porta a porta, proposta a proposta, para que Foz volva a ser progresista e teña futuro”.