Os socialistas critican que o "rodillo" do PP está a provocar a "lexislatura do esmorecemento e do abandono rural"

TerraChaXa
A portavoz de Política Municipal do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou este martes que o “rodillo” do PP está a provocar a “Lexislatura do esmorecemento e do abandono do rural”.
7 Nov 2017

A portavoz de Política Municipal do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou este martes que o “rodillo” do PP está a provocar a “Lexislatura do esmorecemento e do abandono do rural”. No debate dunha moción socialista para recuperar o Plan de mellora de camiños municipais, que foi vetada polo PP, criticou o desleixo do goberno para a fixación de poboación no interior.
A responsable socialista sinalou que malia o anuncio de 231 millóns para fixación de poboación nos orzamentos do próximo ano, a realidade é que no ano 2016 deixaron sen executar 100 millóns de euros, e a 30 de xuño de 2017 tan só tiñan executado o 6,68 por cento do mesmo programa.
Criticou que este desinterese “pode ter consecuencias catastróficas”, ao combinar a falla dunha política de xestión do monte coa intensificación do abandono das poboacións do interior nos 9 anos de goberno de Feijóo e as condicións climáticas adversas, dano como resultado situacións de incendios forestais como a que ten vivido Galicia en outubro.
Criticou ademais o desinterese do goberno galego pola petición da Fegamp de axuda para limpar as franxas de protección dos lumes nos núcleos rurais, que foi desbotada polo goberno galego.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego incrementar a contía dedicada ao Plan de mellora de camiños municipais 2017 – 2018 na mesma cantidade de 2016, chegando ata os 20 millóns de euros, e publicar as axudas no mes de decembro anterior, nunha política fundamental para a ordenación do rural e con especial incidencia na prevención de incendios forestais.

0.10733103752136