Os socialistas de Vilalba acusan ao Goberno local de falta de previsión cos postos da feira
O Grupo Socialista no consistorio vilalbés vén de facer unha crítica ao goberno municipal “froito da multitude de queixas veciñais recibidas” pola redución do espazo na parte baixa da Praza da Constitución durante as festas patronais. Os diferentes postos de venta ambulante situados nesta zona “eliminaron por completo moitas zonas de sombra e asentos que se veñen empregando de xeito habitual, especialmente polas persoas máis maiores”, subliñan desde o PSOE. Ademais, os socialistas fan fincapé nunha cuestión que consideran “de moita gravidade, pois existiu nestas datas unha falta de sanitarios portátiles nas inmediacións da praza”, perigo que vinculan “á escasa previsión do goberno local”.
O grupo socialista sinalou tamén que todos estes elementos de negocio impedían o paso da xente, para quen debera estar dispoñible en primeiro termo, e “restaban espazo ao lugar da verbena, xa de por sí escaso nos tempos de hoxe, pois as dimensións dos palcos das orquestras reducen considerablemente o espazo útil para as persoas”.
“Sabemos que son moitas as críticas e loubanzas que se fan á programación das festas patronais de Vilalba, mais nós temos o deber de sinalar aqueles aspectos que non se poden permitir, que perxudican a moitas persoas, e dos que se debe responsabilizar o goberno local”, explicaron desde o Partido Socialista, aproveitando para lembrar que “seguimos na nosa postura defendida en moitas ocasións de que tería que ser o Concello quen organizara as festas patronais nun lugar como Vilalba e comezara a facerse cargo sen eludir responsabilidades”.