Os socialistas de Vilalba pedirán no Pleno accións formativas contra as agresións sexuais

TerraChaXa
O Grupo Municipal Socialista vén de anunciar que pedirá no vindeiro pleno de maio accións formativas e de visibilización contras as agresións sexuais, as intimidacións e acosos que sofren mulleres e nenas como consecuencia do sistema patriarcal.
4 Maio 2018

O Grupo Municipal Socialista vén de anunciar que pedirá no vindeiro pleno de maio accións formativas e de visibilización contras as agresións sexuais, as intimidacións e acosos que sofren mulleres e nenas como consecuencia do sistema patriarcal. Da mesma maneira recordan que este tipo de accións están contempladas en moitos concellos como parte “dun plan de igualdade que o goberno vilalbés negouse a renovar e aprobar en pleno a petición do grupo socialista”. Agora, froito da mobilización feminista que está a encher as rúas en resposta da xa famosa sentencia do caso de “la manada”, as socialistas piden recursos especializados en violencia sexual, unha materia na que apenas existen estudos nin cifras definitorias.

“Sabemos que no noso país se denuncia unha violación cada oito horas de media, e que cada semana unha muller se convirte en vítima de violencia sexual en Galicia; ademais, oito das dezasete comunidades autónomas carecen de centros de atención específicos para vítimas deste tipo de violencia, entre as que se atopa a nosa comunidade”, sinalan desde o Partido Socialista de Vilalba. A estas graves cifras súmase que tan só unha de cada seis mulleres agredidas denuncia, “silenciadas pola vergoña, a desprotección e a culpabilidade que sustenta este sistema machista desde todos os seus ámbitos”. Como consecuencia dunha aplicación das normas “que indigna a gran parte da poboación pola desactualización e a ambigüidade dos conceptos xurídicos, minimizando as violacións que están a sofrir moita mulleres no noso país”, a violencia sexual require dunha formación e atención específica “que non se está a dar nin a nivel estatal, nin autonómico, e moito menos local”.

Por iso, desde o grupo socialista piden ao goberno local accións de visibilización a través de campañas, así como formacións para os centros de ensino “como parte da prevención das agresións sexuais e a ensinanza aos rapaces de novas masculinidades fóra dos estereotipos de xénero que derivan en múltiples formas de violencia cara as mulleres”.

Ademais de sumarse á reivindicación feminista que reclama a obriga dos lexisladores para cambiar os tipos delictivos, “desde Vilalba tamén pedimos que se desenvolvan programas de ámbito local para previr este tipo de violencia, coñecedoras de multitude de situacións que evidencian que as mulleres debemos estar alerta ante os ataques machistas”. Sen ir máis lonxe, o “Mapa do medo” creado por unha estudante universitaria galega recolle unha testemuña anónima que “sinala a Xira de Vilalba como lugar onde aconteceu un episodio de intimidación e sexismo con palabras e referencias que de seguro non extranan a moitas das mulleres que o lean”. Emporiso, desde o PSOE consideran de vital importancia que sexan as administracións públicas as que tomen as rendas deste asunto con responsabilidade e acción política “para rematar co silenciamento, a soidade, a culpabilización e a desprotección das mulleres e nenas vítimas de calquera tipo de agresión sexual”.

0.15940999984741