Os socialistas de Vilalba destacan o apoio da Deputación e "o castigo" da Xunta á veciñanza

A Agrupación Socialista de Vilalba destaca “o compromiso continuo da Deputación de Lugo co noso concello”, unha aposta que contrasta “co esquecemento por parte da Xunta de Galicia”.
“A visita de onte da presidenta da Deputación, Carmela López, e sobre todo os proxectos anunciados son a mellor forma de demostrar un compromiso real para mellorar os servizos e infraestruturas públicas do noso concello”, sostén Paula Vigo, secretaria de Política Municipal do PSOE de Vilalba.
Onte presentouse un novo proxecto que servirá para humanizar a contorna do campo da feira e construír un parque infantil por un importe de 230.000 euros, que se unen a outros 500.000 euros de investimentos recentes no parque da Rosalía de Castro, o barrio das Fontiñas, a rúa Benxamín Paz ou a estrada LU-P-6513.
Durante a visita, púxose en valor o plan anual de investimentos da Deputación en todos os concellos de Lugo. “Un programa que funciona, é útil e xusto e, ademais, distribúe os recursos de maneira obxectiva, sen ter en conta a cor política dos gobernos locais”, lembra Paula Vigo.
“Os socialistas de Vilalba lamentamos que a Xunta non actúe igual, xa que Vilalba recibiu cero euros en investimentos directos a través dos orzamentos autonómicos desde 2019”, engade, “ademais doutros temas enquistados como o abandono da estación de autobuses e as carencias do centro de saúde”.