Os socialistas denuncian “discriminación constante” coa atención sanitaria na Mariña

TerraChaXa | LugoXa
A parlamentaria socialista Patricia Otero denunciou a “discriminación constante” e “nula sensibilidade” demostrada polo goberno galego coa atención sanitaria na Mariña de Lugo.
13 Oct 2019

A parlamentaria socialista Patricia Otero denunciou a “discriminación constante” e “nula sensibilidade” demostrada polo goberno galego coa atención sanitaria na Mariña de Lugo. Así o dixo logo de coñecer o veto do PP a unha proposta socialista para recuperar ao persoal recortado na ambulancia medicalizada e o servizo 24 horas na ambulancia asistencial de Foz.

A responsable socialista criticou que para o PP e o goberno galego, os 80.000 habitantes da comarca “só somos números, só somos cartos” cos que se permiten a “grave frivolidade de recortar nun recurso tan importante como é o transporte de emerxencias sanitarias”. Explicou que o servizo atende “patoloxías tempodepednentes”, o que quere dicir que “a vida dos doentes corre perigo” e depende dun servizo óptimo.

Otero advertiu que garantir un servizo de calidade é “de sentido común”, e criticou que a de Foz sexa a única ambulancia medicalizada de toda Galicia á que se lle suprimiu un dos dous Técnicos de Emerxencias Sanitarias que tiña ata o último concurso do servizo coñecido a finais de abril. Daquela constatouse que tampouco terán o segundo TES nas ambulancias de Monforte e Salnés, que non o tiñan dende o principio.

Tampouco quixo o PP reverter o recorte “inxustificado” do horario da ambulancia asistencial da Mariña, que tamén ten base en Foz, e que pasou de 24 a 12 horas de servizo, creando a “figura de pacientes de primeira e de segunda”.

Estes dous exemplos, dixo, son “unha mostra máis da discriminación constante coa Mariña” en materia sanitaria, como foi o “abandono de centros de saúde, a supresión da área sanitaria ou os recurtes de persoal que provocaron o progresivo deterioro da capacidade asistencial na Atención Primaria”. Otero relatou os problemas nos distintos centros de saúde da comarca, como en Burela, onde as 6 enfermeiras non son substituídas nas súas baixas ou vacacións.

É o caso, continuou, da Pontenova, que leva sen cubrir a praza dun médico vacante dende abril, ou en Viveiro, onde gran parte do ano hai 2.000 nenos e nenas atendidos somentes por un pediatra, ou a redución de xornada en Foz, así como o pediatra que ten que atender ao mesmo tempo a Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16691088676453