Os socialistas din que defenderán os intereses dos veciños de Xunqueira
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o presidente da Deputación, Darío Campos, mantiveron un encontro cos veciños do barrio de Xunqueira, afectados pola riada do ano pasado, para coñecer de primeira man as súas necesidades. Os habitantes da zona trasladáronlles aos socialistas o seu rexeitamento ao informe hidrográfico que a Xunta de Galicia remitiu ao Concello para evitar que se produzan novas inundacións, porque lles deixarían pouco marxe de espazo dende o río ás súas casas.
María Loureiro destacou que “a proposta do goberno galego para rehabilitar Xunqueira non convence aos veciños que viven no barrio e temos que entendelos e axudalos. Dende o Concello e a Deputación apoiamos aos veciños, como fixemos dende o primeiro momento, porque aínda que sexan viables tecnicamente as obras entendemos que temos que ter en conta a súa calidade de vida, pois hai moita xente maior. E o faremos unha vez máis, sendo as institucións que arriman o ombreiro para que os veciños que viven en Xunqueira poidan saír adiante”.
A alcaldesa de Viveiro denunciou que “o PP É consciente da situación na que está o barrio e que aínda queda moito traballo para recuperar a totalidade da zona. E o saben porque convoquei unha Comisión Informativa no Concello, na que estaban representantes do Partido Popular, para trasladarlles o informe hidrográfico de Augas de Galicia no que se nos urxe a tomar medidas e reconstruír a zona cun orzamento de 500.000 euros, achegando esa cantidade entre Concello e Deputación. Dende o Concello agardamos que a Xunta de Galicia colabore co financiamento do proxecto e non sexa outra promesa electoral que logo non cumpren”.
Campos Conde subliñou que “dende o Executivo da Deputación destinamos todos os medios técnicos e humanos necesarios para valorar os informes dos afectados. Achegamos 80.000 euros para arranxar o muro do cemiterio que está moi deteriorado. E volvémolo facer agora para axudar ao Concello de Viveiro a restablecer as prestacións danadas polo desbordamento do río Ponte Labrada. Porque este Goberno da Deputación si ten a sensibilidade que non teñen outras institucións”.