Os socialistas piden que se poña coto á actuación dos intermediarios do leite

TerraChaXa
O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, instou ao goberno galego a “atar en curto” aos intermediarios do sector do leite que operan entre os produtores e a industria.
10 Out 2019

O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, instou ao goberno galego a “atar en curto” aos intermediarios do sector do leite que operan entre os produtores e a industria. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na que alertou da actuación destes primeiros compradores que provocan indefensión nos gandeiros ata o punto de provocar o abandono de explotacións por falla de rendibilidade.

Pérez Seco explicou que nestes momentos operan en Galicia en torno a 50 empresas intermediarias entre a explotación e a industria, alterando o comportamento da produción láctea en Galicia. A pesares do compromiso da Consellería de regular a súa actividade, anunciado en 2015, o certo é que estes continúan actuando libremente, provocando o peche de explotacións e reducindo considerablemente o terreo cultivado e provocando o abandono do rural.

A súa presenza, comprándolle aos gandeiros e vendendo ás industrias transformadoras, supón a incorporación dun eslabón máis na cadea de valor, recortando aínda máis os prezos que perciben os produtores, cando non os poñen directamente ao límite ao deixar sen pagar o produto. Explica que estes intermediarios “carecen de garantías suficientes para os produtores”, xa que “non teñen que depositar ningún tipo de aval para o produto que moven”.

A intervención dos intermediarios cobrou importancia nas últimas datas sinaladamente polas denuncias dos gandeiros por impagos, obrigando a recorrer aos aforros ou endebedarse para facer fronte aos custes de produción. Ademais, as cooperativas vense afectadas ao perder capacidade de negociación do prezo do leite, véndose obrigadas á súa vez a dispor de capital para pagarlles aos socios e impedindo facer investimentos.

0.10605692863464