Os socialistas responsabilizan a Feijóo do fracaso na xestión do despoboamento na galicia interior

TerraChaXa
O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, sinalou a Feijóo como principal responsable do fracaso de tódalas medidas anunciadas pola Xunta para reverter a crise demográfica na Galicia interior.
13 Maio 2019

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, sinalou a Feijóo como principal responsable do fracaso de tódalas medidas anunciadas pola Xunta para reverter a crise demográfica na Galicia interior. Na sesión de control ao presidente da Xunta, o portavoz socialista propuxo un acordo para impulsar as Iniciativa Territoriais Integradas seguindo o modelo escocés.

O responsable socialista afeoulle a Feijóo que deixara sen responder da xestión do goberno galego para centrar os seus ataques no Goberno de España, o que evidencia, dixo, que “quere xogar na política española e confrontar con –o ministro de Fomento- Ábalos”. Advertiulle que “renunciar a ser presidente da Xunta ten consecuencias”, comezando pola súa “renuncia a falar do que está a suceder en Galicia nestes anos”.

Fernández Leiceaga advertiu que o balance de xestión, logo de dez anos de goberno de Feijóo, é dun fracaso sen paliativos do que o presidente da Xunta quere fuxir e “agardar, como fixo Deng Xiaoping, a que pasen 200 anos”. Aludiu á cita atribuída ao antigo líder do PC chino, quen dicía que, logo de dous séculos, aínda era cedo para facer unha avaliación da Revolución Francesa.

Leiceaga urxiu a Feijóo a afrontar cando menos un “pequeno balance” e asumir que hai “unha Galicia da marcha atrás”, con 28 comarcas nas que a poboación diminuíu un 15 por cento, con situacións críticas como en Terra de Caldelas –Ourense- ou A Paradanta –Pontevedra-, que perderon un 30 por cento.

Citou o informe do Instituto de Estudos do Territorio do goberno galego e o propio IGE, que apuntan un futuro complicado cunha maioría de comarcas do interior que perderán un 20 por cento da poboación en 15 anos. Son zonas situadas a 20 puntos de distancia da renda media por habitante de Galicia, con maioría de pensionistas, onde apenas nacen nenos, e os que nacen ven como pechan as escolas, carecen de transporte público adecuado e perden servizos sanitarios.

O responsable socialista criticou que o presidente da Xunta non teña ningunha política eficaz que ofrecerlle a estas localidades, logo de que os plans Impulsa Lugo e Impulsa Ourense demostraran o seu fracaso, nin os préstamos do Igape chegaran a estas comarcas nin os investimentos da Xunta estean dirixidos minimamente a corrixir estes desequilibros.

Reclamoulle ao presidente da Xunta “decisión e perseverancia”, ademais de “planificación e profesionalidade” e abandonar as “receitas pouco eficaces” para afrontar un “cambio de rumbo” nunha xestión fracasada para comezar a “actuar nos servizos básicos, nas infraestruturas de comunicación, no apoio ás iniciativas emprendedoras ou na atracción de investimentos.

O portavoz do Grupo Socialista propúxolle ao presidente da Xunta un acordo para recorrer ás Iniciativas Territoriais Integradas –ITI-, un instrumento disposto pola UE que integra a colaboración institucional para recuperar os territorios. Os socialistas reclaman recuperar esta figura xa aprobada no Parlamento de Galicia hai un ano pero que foi esquecida polo goberno galego.

Fernández Leiceaga apostou por utilizar este instrumento para seguir o modelo escocés da Axencia Especializada que xestiona fondos comunitarios e propios e que foi experimentado con éxito nas Highlands. A ITI proposta polo responsable socialista incorpora na mesma dirección ás universidades e institucións como as deputacións provinciais para conformar unha “aposta especializada e competente a medio e longo prazo”

Sinalou que é o goberno galego quen “ten a chave e pode prender a mecha” para recuperar os territorios en abandono. Sinalou que “non lles podemos quitar a esperanza no futuro aos que viven na Galicia do retroceso” e apostou por centrar tódolos esforzos en “inverter a dinámica” e comezar coa recuperación.

0.18683314323425