Os traballadores de Alcoa mobilízanse e a ministra recíbeos en Madrid este luns

TerraChaXa | LugoXa
15 sep 2019

Os traballadores de Alcoa comezaron as mobilizacións pola defensa dos seus traballos. Houbo unha protesta, que se desenvolveu o venres no Castelo de 14.00 a 14.30 horas, e que chega cando a continuidade da empresa sofre a maior ameaza en 40 anos de historia e é a primeira das previstas nos vindeiros meses para denunciar que ausencia do Goberno central e a probábel repetición das eleccións “alonga no tempo a agonía e achéganos moito máis á posibilidade de que Alcoa dea o seguinte paso na súa estratexia de ou lograr un prezo competitivo na enerxía ou pechar todas as súas instalacións do Estado”, matizaron dende a CiG.

Neste senso, o presidente do comité de empresa, Xosé Paleo, da CIG, asegurou que non se pode permitir que o Goberno central permita o peche dunha fábrica competitiva como a de San Cibrao “por non ter un prezo para a enerxía que nos permita competir con Francia ou Alemaña” e tendo en conta que o sector do aluminio “é un sector con moito futuro”.

XUNTANZA O LUNS EN MADRID. Amosouse convencido que coa mobilización “lograremos que a fábrica continúe funcionando e defenderemos os nosos empregos”, ao tempo que chamou ao conxunto do persoal de Alcoa a participar nas protestas “porque hoxe é o primeiro paso, pero queda moito camiño por percorrer” nunha loita que, segundo avanzou, “xa está a dar os seus froitos”. De feito, o comité de empresa foi convocado a unha xuntanza coa ministra de Enerxía que terá lugar o luns en Madrid.

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que tamén participou na concentración, cargou tanto contra o Goberno central como contra a Xunta de Galiza. “É impresentábel que o Executivo de Pedro Sánchez siga a atrasar a solución ao prezo da enerxía coa escusa de que se atopa en funcións a pesar do grave risco da perda de emprego”. Neste senso, denunciou que siga sen aprobar o estatuto para a industria electrointensiva”.

Tamén criticou que o Goberno de Feijóo permita que o noso país sexa a zona máis castigada pola crise da industria electrointensiva “a pesar de que somos un dos principais produtores de enerxía do Estado español” e demandou unha actuación decidida en defensa do sector que garanta a continuidade dos empregos.

Ao mesmo tempo, instou á dirección de Alcoa a “levantar a espada de Damocles que ten sobre as cabezas dos empregados/as como consecuencia da incerteza sobre a continuidade dos seus postos de traballo” e reclámalle que retome canto antes a actividade en todo o complexo industrial.

MÁIS PROTESTAS. A concentración terá continuidade no mesmo lugar e horario en principio todos os venres deste mes de setembro.

Tamén realizarán unha marcha en Lugo até a Subdelegación do Goberno para entregar un escrito solicitando unha xuntanza coa ministra de Transición Ecolóxica, ao tempo que se convocarán unha manifestación central na Mariña e unha concentración en Madrid coincidindo cunha data sinalada (pleno de investidura do Goberno, primeiro Consello de Ministros/as...).

Paralelamente, levarán a cabo distintas xestións en busca de apoio institucional ás súas reivindicacións e ás mobilizacións, comezando pola presentación dunha moción na Deputación Provincial de Lugo reclamando das institucións a urxencia dunha solución para a industria do aluminio. A intención dos traballadores/as é acudir ao pleno o día no que se vaia debater a moción.

Ao mesmo tempo, convocarán os alcaldes e as corporacións municipais da Mariña para demandarlles o seu apoio e colaboración nas protestas e entregarlles mocións solicitando unha solución por parte do Goberno.

Con todo, dende o comité de empresa queren deixar moi claro que non se trata dun calendario pechado, xa que se irá modificando ou ampliando en función dos acontecementos, e instan ao conxunto dos traballadores/as de Alcoa San Cibrao “a defender na rúa os nosos postos de traballo”.

0.20715308189392