Os traballadores do Concello das Pontes reclaman a aprobación inmediata da RPT
A representación dos traballadores e traballadoras municipais tamén demanda a actualización inmediata do salario dos empregados e empregadas municipais que a día de hoxe non alcanzan o salario mínimo interprofesional (SMI).
O Comité de empresa e os delegados de persoal do Concello das Pontes, en representación dos traballadores e traballadoras da administración municipal, vén de reclamar ao Executivo local a aprobación, con carácter inmediato, da Relación de Postos de Traballo (RPT) municipal.
O documento, que leva 14 anos en proceso de elaboración, é imprescindible para regular as funcións de cada un dos traballadores e traballadoras e o seu salario, xa que no mesmo se recolle unha descrición minuciosa das labores que se deben realizar en cada posto.
Ante esta situación, dende o Comité de Empresa demandan ao equipo de goberno que acelere os trámites para sacar adiante un texto que permitirá un mellor funcionamento dos servizos municipais cunha organización do seu persoal máis eficaz e eficiente.
Outra das demandas da representación dos traballadores e traballadoras é a actualización dos salarios de varios empregados e empregadas de diferentes servizos municipais e que, a día de hoxe, non alcanzan o salario mínimo interprofesional.
De feito, unha trintena de empregados e empregadas do concello pontés non perciben, neste momento, nin tan sequera os 1.080 euros que marca a lei, e que ascenderán a 1.134 euros coa próxima entrada en vigor do acordo rubricado o pasado mes de xaneiro entre sindicatos e Ministerio de Traballo.
Esta actualización xa foi esixida polo comité de empresa e delegados de persoal ao longo do pasado ano en varios encontros coa Concellería de Persoal, unha demanda que segue sen resposta co claro prexuízo económico que está causando aos afectados e afectadas que continúan perdendo poder adquisitivo.