Os tradicionais bingos de Nadal e Reis recadan fondos para o Parga Rock 2026

A organización do Parga Rock comeza a quentar motores de cara á edición de 2026 coa celebración dunha das citas esperadas destas datas: os bingos de Nadal e Reis. Estes eventos, que se teñen consolidado nos últimos anos como unha referencia festiva e solidaria, volverán ter lugar nas instalacións do CIT de Parga.
O primeiro dos encontros celebrarase o día 25 de decembro ás 19:00 horas, mentres que o Bingo de Reis terá lugar o 6 de xaneiro ás 20:00 horas. Dúas xornadas nas que a sorte, a diversión e o espírito colectivo volverán ser protagonistas, nun ambiente pensado para compartir e apoiar a continuidade dun festival que medra grazas ao compromiso da súa xente.
Como xa é habitual, algúns participantes levarán premios, mentres que outros marcharán coa satisfacción de contribuír a que un festival pequeno, pero con identidade propia, siga adiante ano tras ano. Desde a organización animan á veciñanza e ás persoas afeccionadas a sumarse a estas citas, que son moito máis ca un xogo: son unha maneira de manter viva a chama do Parga Rock e de seguir construíndo, entre todas e todos, a súa próxima edición.