Os tres traballos que cativaron ao xurado dos Premios Hume

TerraChaXa
Dous gañadores e un accésit foron os escollidos por un tribunal que este ano tivo moi complicado decidirse
premios-hume-convocatoria-2024
20 Jan 2025

O pasado 27 de decembro de 2024, reuniuse o xurado encargado de valorar os traballos presentados aos IX Premios de Investigación Hume, correspondentes ao ano 2024. Tras analizar as propostas, o xurado tivo moitas dificultades para escoller entre os dous gañadores o que ocuparía a primeira praza.

O primeiro premio foi concedido ao traballo titulado Os lindes parroquiais do Concello das Pontes de García Rodríguez segundo o catastro de Ensenada (1752)”, presentado por Iago Isasi Freire e David Pereira Meizoso. Esta investigación analiza a organización territorial do século XVIII a través do catastro de Ensenada, ofrecendo unha perspectiva histórica da evolución das parroquias do Concello das Pontes ata a actualidade. Ademais, destaca polo seu labor de recollida de microtoponimia e tradición oral, elementos en risco de desaparición. O xurado subliñou a metodoloxía empregada, a amplitude e o rigor das fontes documentais utilizadas, así como o minucioso traballo de campo.

Iago Isasi Freire, residente en Santiago de Compostela, é Enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos, ademais de doutor en Matemáticas. Pola súa parte, David Pereira Meizoso, residente en Sanxenxo, é Enxeñeiro Técnico en Obras Públicas, doutorado en Tecnoloxía da Computación e Medio Ambiente, e conta cun amplo currículo académico en dirección financeira e enxeñería.

O segundo premio foi outorgado ao traballo Rabuñan as voces, de Cristina Souto Pita, unha investigación sobre a posmemoria na arte contemporánea. O traballo aborda os traumas do pasado vinculados ao crime das Barosas, propoñendo unha relectura interdisciplinar a través dunha montaxe artística composta por obxectos recollidos, un acordeón con imaxes e textos, e un mural que documenta a exhumación da fosa común. O xurado destacou a relevancia temática, ligada á memoria democrática, e a impecable presentación e rigor metodolóxico.

Na análise, dende varias disciplinas artísticas a autora aproxímase ao silencio, segredismo e trauma que enmascaran a nosa memoria histórica e ofrece ademais do traballo unha serie de obras artísticas (fotografía, escultura, pintura) que amosan outra visión dun acontecemento do pasado recente da vila das Pontes.

Cristina Souto Pita, residente nas Pontes, é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e conta cunha destacada traxectoria artística, con participación en festivais audiovisuais, exposicións colectivas e residencias artísticas.

O xurado valorou entre outros como aborda a temática, oportuna pola súa relación coa memoria democrática. Posúe unha impecable presentación, excelente redacción e temática ligada á memoria histórica, pero amosada desde unha perspectiva novidosa e interdisciplinar. Segue con rigor o método científico aplicado ás ciencias sociais, en canto a estrutura, estado da cuestión, obxectivos, propostas e conclusións. Abundancia de ilustracións e imaxes. Boa redacción, con amenidade, con citas e referencias bibliográficas.

Ademais, o xurado outorgou un accésit ao traballo Un pueblo alrededor de una plaza. Historia y evolución de la Plaza del Hospital de As Pontes y su entorno, de Javier Barcón Vázquez. Esta investigación histórica analiza a evolución urbanística da praza e o seu contorno, destacando pola emoción transmitida no relato. Javier Barcón, residente nas Pontes, leva anos investigando temas históricos no seu tempo libre.

Os premios outorgados ascenden a 2.000 euros para o primeiro posto, 1.000 para o segundo e 200 para o accésit. Os traballos galardoados serán publicados na revista Hume no ano 2025.

Esta edición dos Premios Hume continúa a recoñecer e promover a investigación de calidade vinculada á historia, cultura e memoria colectiva da vila das Pontes e a súa contorna.

0.16821098327637