Os tres sindicatos saen á rúa nas Pontes pedindo o desmantelamento para as auxiliares
As tres organizacións sindicais CCOO UGT e CIG, saían a rúa este xoves nas Pontes para pedir que Endesa dea continuidade aos contratos auxiliares e que se inicie canto antes o desmantelamento da UPT das Pontes.
Tras a reunión mantida o pasado martes na Xunta de Galicia, entre a Consellería de Industria, o Concello das Pontes, UGT, CCOO e CIG con Endesa, as organizacións sindicais decidían manter a manifestación convocada o pasado día 7, co obxectivo de solicitar que os traballadores auxiliares que prestan servizos nas tarefas de predesmantelamento, que finalizan o día 15 de xuño, poidan continuar coa súa prestación na próxima fase de desmantelamento da unidade.
Entre as partes acordouse facilitar aos traballadores o acceso á formación necesaria de xeito inmediato, pero os sindicatos seguen reclamando que os trámites administrativos necesarios para o inicio da obra, que Endesa calcula poidan tardar sobre mes e medio tras a obtención da licencia, se axilicen e se garanta o emprego dos traballadores que durante anos veñen prestando os seus servizos na unidade produtiva.
Recibidas o pasado martes as autorizacións sectoriais da Xunta de Galicia e despois de que, xa durante a maña do xoves os técnicos municipais e Endesa acordaran sobre a documentación restante para a inmediata obtención da licencia, Xunta, Concello e sindicatos continúan insistindo no necesario compromiso de Endesa cos traballadores vinculados e a súa continuidade laboral.
O responsable comarcal de UGT, José A. Ventureira, durante a manifestación insistiu en que “reclamamos de Endesa que se axilice a posta en marcha do desmantelamento garantindo o emprego para os traballadores propios e auxiliares”.
Desde a UGT afirmaban “non podemos aceptar que Endesa non se comprometa co persoal que durante anos sacou adiante a produción millonaria da térmica, e denunciamos que non asuma agora a sua continuidade, que supón unha parte inapreciable dos ingresos que lle aportaron a firma co seu traballo”.