Os Troitas Bravas, da Pontenova, seguen á cabeza da liga de billarda tralo I Aberto Villa de Castropol

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Por Daniel Rodríguez Saavedra da Asociación O Varal.
10 Xan 2023

Por Daniel Rodríguez Saavedra da Asociación O Varal.

Por primeira vez, a LNB NorLeste celebra unha xornada de liga en terras Asturianas, foi en Castropol, onde o Concello se involucrou e deu todo tipo de facilidades para a realización do I Aberto Villa de Castropol.

Foi unha exemplar organización dos Troitas Bravas, que amosan unha vez máis ser uns campións dentro e fora da competición, habilitando seis campos perfectamente acondicionados e marcados, dous deles para adestramento e catro para competir.

As pésimas previsións de mal tempo fixeron recuar a moitos dos habituais. Aínda así a participación foi máis da agardada (50 homes, 8 donas e 5 cativos) e a chuvia respetounos. So un vento racheado incomodou os palanadores en liza.

Charli, o zurdo de ouro de Carabullo, non atopou resistencia no seu grupo e impúxose cun pleno de 25 puntos para gañar a xornada e consolidar o primeiro posto na xeral.

Mark, trocou os alisios canarios en forte vendaval. Acadou o segundo chanzo e deu un bo empurrón para levantar con 24 puntos ao Madia Leva ao segundo caixón. E terceiro foi Luis con 23 puntos redondeando unha xornada gloriosa de Troitas Bravas, que foron os gañadores por equipos e tiveron representación en todos os podios.

Os so catro compoñentes que presentou Billarda Verde, non flaquearon e foron quen de acadar o terceiro posto por equipos.

En donas, Sandra de Troitas Bravas, tivo unha moi boa xornada e colouse como segunda entre as Billardeiras Musicais, Geni e Aroa, que foron primeira e terceira respectivamente.

En infantís, os cracks Mateu e Diego son un seguro para Madia Leva e dominaron por diante das irmás Antía e Alba de Troitas Bravas, que compartiron o terceiro posto.

Don J. Antonio Martínez Rodríguez, Antón, concelleiro de deportes de Castropol, participou activamente na xordada e amosou moi boas maneiras zoupándolle a billarda. Xa no remate foi quen fixo a entrega dos agasallos os gañadores do aberto.

A liga regular retómase o dia 5 de febreiro en Riotorto mais o vindeiro sábado 14 deste mes xogarase en Castro de Riberas de Lea o Aberto Galiña de Mos.

As clasificacións logo desta xornada quedan deste xeito:

Individual:

  • Charli (Carabullo) 144 p
  • David Navallo (Troitas Bravas) 129 p.
  • Manu Caldeiro (Billarda Verde) 126 p.

Donas:

  • Aroa (Billardeiros Musicais)   97 p.
  • Geni (Billardeiros Musicais)   90 p.
  • Irea (Carabullo)   64 p.

Equipos:

  • Troitas Bravas (A Pontenova) 539 p.
  • Carabullo (Ponte de Outeiro) 504 p.
  • Billardeiros Musicais (Ribadeo) 501 p
0.20270800590515