Os veciños concentráronse pola apertura do consultorio de Castro de Rei
O Bloque Nacionalista Galego en Castro de Rei celebrou onte unha concentración diante do consultorio de Castro de Rei co motivo da defensa da sanidade pública e a apertura deste centro. Contou coa presenza da deputada por Lugo do BNG, Carme Aira, e a voceira e concelleira local, Digna Lagarón, entre outros integrantes da formación.
Digna Lagarón explicou as razóns pola que a organización convocou esta concentración “continuamos a pé de rúa para evidenciar que non queremos que desmantelen o consultorio de Castro de Rei, o BNG e a veciñanza non consinte que nos rouben un ben prezado como é a nosa sanidade pública” declarou.
Neste sentido, a concelleira nacionalista destacou que “este consultorio é a imaxe do desmantelamento que está a facer o Partido Popular nos servizos públicos do rural, por esta razón o BNG continuará loitando pola apertura do consultorio” dixo a concelleira.
Grazas ás mobilizacións convocadas polo BNG para recuperar a atención primaria neste concello, a Consellería de Sanidade reaccionou con diferentes accións para axilizar o servizo, pero a realdiade, é que non existen melloras no funcionamento da atención primaria.
Por todo isto, o BNG trasladou esta semana ao Parlamento galego, en concreto na Comisión de Sanidade, a reactivación plena do consultorio de Castro de Rei como tamén a dotación de persoal facultativo no centro de Castro Ribeiras de Lea. Estas iniciativas foron aprobadas por unanimidade.