Os veciños de Moncelos recibiron información sobre a reestruturación parcelaria prevista

TerraChaXa
Nunha reunión os veciños da parroquia de Moncelos coñeceron a nova concentración parcelaria decretada nesta zona, en setembro do ano pasado.
reunion parcelaria abadin
18 Feb 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, xunto co alcalde de Abadín, José María López, mantiveron hoxe unha reunión cos veciños da parroquia de Moncelos para presentarlles a nova concentración parcelaria decretada nesta zona, en setembro do ano pasado. Así, este proceso permitirá reorganizar a estrutura territorial de 813 hectáreas de superficie, beneficiando 630 titulares e cun orzamento previsto de 2,5 millóns de euros.

Neste senso, as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, á vez que permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Precisamente, na zona de Moncelos veranse beneficiadas desta reorganización territorial preto dunha trintena de explotacións.

Por iso, o obxectivo da Xunta é seguir decretando novas zonas de concentración parcelaria onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias. Para iso, a Consellería ten orzamentados 17 millóns de euros en 2023 para tal fin.

A parcelaria de Moncelos é unha das 28 concentracións decretadas pola Xunta desde o ano 2021 e ata a actualidade, a última -Escornabois, en Trasmiras- aprobada onte mesmo no Consello da Xunta. Estas suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares. Concretamente, na provincia de Lugo foron dez as decretadas nos concellos de Outeiro de Rei, Friol, Castro de Rei, Becerreá, Castroverde e Cospeito.    

Así mesmo, entre o ano 2020 e o que vai de 2023, a Xunta rematou un total de 25 concentracións parcelarias, que abarcaron unha superficie total de máis de 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade. Ademais, o conselleiro matizou que o obxectivo en ambos casos é acadar a trintena de procesos -decretados e finalizados- neste primeiro semestre do ano.

Nesta liña, unha das zonas rematadas foi a parcelaria de Fanoi, no concello de Abadín, que supuxo a reorganización de 656 hectáreas propiedade duns 250 veciños. Neste proceso, a Consellería conseguiu cuadruplicar a superficie media das parcelas finais.

Lei de recuperación

Ademais, xunto coas parcelarias, seguiranse impulsando tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Uns mecanismos de mobilización voluntarios que permiten unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Precisamente, desde a entrada en vigor da Lei de recuperación -en maio de 2021- arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas voluntarias no concello de Friol, na provincia de Lugo.

0.22764706611633