Os Vilares acolle a XXXIII Romaría Labrega da Chaira a próxima fin de semana

A parroquia dos Vilares, no concello de Guitiriz, acollerá os días 9 e 10 de agosto a XXXIII edición da Romaría Labrega da Chaira, organizada pola Asociación de Veciños, Cultural e Medioambiental dos Vilares. A programación, pensada para todos os públicos, inclúe actividades tradicionais, música, gastronomía e espectáculos.
O sábado 9 de agosto comezará coa saída da ruta cabalar, cun completo menú que inclúe paella, carne asada con patacas e pementos, sobremesa, café e chupito. Esta dará inicio ás 10.00, que será a hora á que comenzará o percorrido a cabalo, desde a Carballeira do Cancelo e, ademais, incluirase unha parada con pinchos na metade da ruta.
Ás 15.00 horas, terá lugar o xantar servido por Restaurante Pulpería Paco de Rubián, que consistirá en paella, carne asada con patacas e pementos, sobremesa, café e licores. O menú terá un prezo de 27 euros. Débense retirar os tíckets para o xantar antes do 6 de agosto, chamando aos teléfonos de Miguel (630 407 836), Tom (680 437 203) ou Toki (629 363 601).
Ás 11:00 horas terá lugar a inauguración da quinta mostra de artesanía, seguida da tradicional carreira popular ás 12:00, e das carreiras infantís a partir das 12:45. Ás 14:00 celebrarase o pregón, que este ano correrá a cargo de María Xosé Rodríguez García, pedagoga, artista multidisciplinar e escritora chairega. A sesión vermú estará amenizada polo grupo Acordeireta. Pola tarde, haberá xogos populares, xincanas e carreiras de cabalos con premios, e ás 20:30 realizarase o sorteo dunha xata rubia galega. A música da noite virá da man de Comando Curuxás e Maghúa, con liscos e chourizos gratis para os asistentes.
O domingo 10 de agosto arrancará coa recepción de vehículos antigos. Comezará ás 10.30 horas coa recepción e concentración de vehículos na Carballeira do Cancelo e ás 11.00 horas será a saída da ruta propiamente. Seguidamente, terá lugar a visita ao museo de Pepe Pígara, onde haberá uns pinchos ao finalizar a ruta.
Ás 14.00 horas haberá unha sesión vermú a cargo de Os Da Nogueira, a cal dará paso a un xantar servido polo Restaurante Paco. A comida, que terá un prezo de 30 euros, consistirá nuns entrantes variados, churrasco, sobremesa e café. É necesario inscribirse antes do 7 de agosto chamando ao teléfono 619 113 431.
Ás 11:30 abrirase a mostra de artesanía, e ao longo da mañá haberá exhibicións de cantería. Ás 13:30 está prevista a chegada da ruta e a actuación dos Trapeiros dos Vilares.
Pola tarde, o humorista Peter Punk será o encargado da “romaría pequena”, tras a que se celebrará unha festa da escuma. Ademais, haberá exhibición de agility e carting do centro canino CanEdupo. A xornada pecharase coa actuación do Bloquinho de Xermolos e reparto gratuíto de liscos.
A romaría, xa consolidada como unha das grandes citas do verán na comarca da Terra Chá, combina tradición, cultura popular e ambiente festivo nun programa que honra o espírito labrego e comunitario da zona.