Os Vilares celebra as festas de San Vicenzo con música, tradición e carpa climatizada

A parroquia dos Vilares, no concello de Guitiriz, prepárase para vivir unha intensa fin de semana festiva os días 17 e 18 de xaneiro co gallo das festas na honra do seu patrón, San Vicenzo. O programa combina actos relixiosos, sesións vermú e destacadas actuacións musicais, todo iso nun ambiente pensado para veciños e visitantes, xa que as celebracións contarán con carpa pechada e climatizada.
As festas comezarán o sábado 17 de xaneiro cunha misa solemne ás 13.30 horas, seguida da procesión e da sesión vermú amenizada polo grupo Jaque. Pola noite, a partir das 22.30 horas, terá lugar a verbena cos grupos Jaque e Origen, que serán os encargados de poñer música á primeira xornada festiva.
O domingo 18 continuarase coa programación relixiosa, cunha nova misa solemne e procesión ás 13.30 horas, nesta ocasión coa actuación dos Trapeiros dos Vilares, que tamén animarán a sesión vermú. A xornada pecharase cunha verbena a cargo do dúo Venus, garantindo música e baile ata ben entrada a tarde.
As festas están organizadas coa colaboración do Monte Veciñal en Man Común dos Vilares e contan co apoio de numerosos establecementos e empresas da zona.