Os Vilares distingue a Sara Veres como Trapeira de honra
A Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares xa ten escollido quen será distinguido co Premio Trapeiro de Honra 2019. Este ano será Sara Veres Vázquez, coñecida tamén como Sara das Reixas ou Sara de Camilo, muller emprendedora en tempos nada doados que viveu desde ben pequena a experiencia da emigración e que foi taberneira, tivo mercería e foi tamén unha grande bordadora, mestra de outras moitas que viñeron despois.
Sara, cruzou o Atlántico con meses cara a Cuba cos seus pais. Era o ano 1925. Regresaron de novo á casa aos catro anos e Sara era unha nena cubana que na aldea lle facían falar, porque lles daba moito gusto oíla.
Sarita de moza foi aprender a bordar á Coruña aos Catro Camiños e paraba nos Castros na casa dunha señora de Santa Cruz de Parga.
Muller emprendedora achegou á parroquia por primeira vez o xénero, a roupa de dentro, os panos, as toallas...
Comenzou vendendo calcetíns, medias, panos e despois trouxo xa as teas, tergais, terlenkas e algodón para tecer.
En 1960 casa con Camilo de Lagares que tamén tiña taberna nas Reixas.
Sara e Camilo unen as súas vidas e o establecemento con dous mostradores, á dereita as bebidas e á esquerda as teas.
Hoxe en día o mostrador de Sara segue en activo nas mans da súa filla e os outros dous fillos son dous coñecidos hosteleiros.
Tivo Sara tamén un taller de aprendizaxe de bordado, no que se formaron moitas bordadoras da parroquia.
Persoa querida e admirada na parroquia, sigue con máis de noventa anos dando os seus paseos e xogando a partida coas veciñas.
Historia viva da parroquia, Sara representa ás mulleres valentes e emprendedoras, que enfrentaron a vida con traballo e moito agarimo, o espírito loitador da estirpe vilarega e da que todo nos sentimos orgullos@s.
Son xa seis edicións deste premio que corresponderon no 2014 a Xosé María Díaz Castro, en 2015 á Romaría Labrega da Chaira pola súa 25 edición, en 2016 ao músico Pepe de Cristos, en 2017 a Asunción dos Ares e en 2018 a Raúl Río.
Cada unha das persoas e entidades premiadas merecen este recoñecemento sobradamente, o poeta do Vilariño por poñer aos Vilares no mundo, a Romaría Labrega por honrar as tradicións e a história da parroquia ao longo dos anos, Pepe de Cristos representa mellor que ninguén aos músicos vocacionais que alegraron a vida da xente en tempos difíciles, Asunción dos Ares por representar a tódalas mulleres anónimas que sacaron a vida dos seus adiante pese ás dificultades e Raúl Río por representar no país e na emigración o mellor que ten o noso país, a honra e o orgullo da parroquia aló onde se atope.
O acto de entrega do Premio Trapeira de Honra 2019 será no acto da primeira presentación do libro de Pas Veres nos primeiros meses de 2019.