Os Vilares prepáranse para celebrar a súa gran Festa da Pascua

TerraChaXa
Será do 3 ao 6 de abril con catro días de música, actividades infantís e tradición
festas-os-vilares-guitiriz-pascua
31 Mar 2026

A parroquia dos Vilares, no concello de Guitiriz, celebrará do 3 ao 6 de abril a tradicional Festa da Pascua e na honra á Virxe dos Desamparados, cunha programación cargada de actividades para todas as idades.

O venres 3, celébrase o Día das Nenas e Nenos, cunha tarde de inchables gratuítos e petiscos entre as 17:00 e as 20:00 horas. Pola noite, a festa continuará con liscos, chourizos e música a cargo do DJ Señor Magick.

O sábado 4, haberá sesión vermú coa orquestra Fuego, e continuará a animación para os máis pequenos con máis inchables. Pola noite, terá lugar unha gran verbena a cargo das orquestras Fuego e New York.

O domingo 5, tras as misas das 10:00, 11:00, 12:00 e 13:00 horas, haberá procesión con Os Trapeiros dos Vilares e unha sesión vermú coa orquestra Acordes, que continuará a festa na verbena xunto a París de Noia.

O luns 6, a xornada estará marcada pola tradición relixiosa, cunha procesión acompañada da música da Banda Municipal de Música de Guitiriz. A sesión vermú estará animada polo grupo Fénix.

Toda a festa desenvolverase nun campo cuberto con carpa, garantindo así a celebración en calquera condición meteorolóxica.

O evento conta co apoio do Monte Veciñal en Man Común Os Vilares.

0.12066006660461