Os World Cheese Awards distinguen a excelencia dos queixos de Entrepinares con doce medallas

TerraChaXa
O panel de expertos encargado da valoración reuniu xuíces de múltiples países, que avaliaron aroma, textura e sabor de miles de propostas
queixos-ganadores-concurso-entrepinares
25 Nov 2025

A compañía Entrepinares volveu destacar no panorama internacional ao lograr cinco galardóns na 36ª edición dos World Cheese Awards, celebrada este ano en Portugal. A firma con sede en Valladolid e Vilalba, considerada a maior produtora de queixos do Estado, sumou doce medallas nun certame no que participaron preto de 5.000 queixos procedentes de máis de corenta países.

A medalla de ouro recaeu no queixo Oveja curado IGP Castellano, elaborado por Queserías Entrepinares, e no Viejo Tostado, comercializado baixo a marca Hacendado, que foi valorado polo xurado internacional como un dos mellores do mundo. Este produto acumula recoñecementos dende 2018, consolidándose como unha das referencias máis destacadas da empresa.

A boa traxectoria de Entrepinares completouse cunha decena de premios de prata para distintas variedades, entre elas o Curado Campestre, mentres que o Oveja Viejo obtivo unha medalla de bronce. O panel de expertos encargado da valoración reuniu xuíces de múltiples países, que avaliaron aroma, textura e sabor de miles de propostas.

Desde a compañía sinalan que estes resultados son un recoñecemento ao “esforzo, dedicación e calidade” que caracterizan o seu proceso de produción, e subliñan que cada galardón tamén supón unha chamada de atención sobre a importancia de apoiar o sector primario e os produtos de proximidade a través do consumo responsable.

⚙ Configurar cookies
0.069341897964478