Os xeodestinos e a industria electrointensiva, a debate no Pleno da Deputación

TerraChaXa | AMariñaXa
Durante o Pleno ordinario da Deputación, a Corporación provincial aprobou, por unanimidade, a iniciativa do PSdeG para que a Xunta abra un proceso de diálogo cos concellos e as deputacións para estudar e redefinir o mapa actual de xeodestinos co obxectivo de que sirvan como unha ferramenta eficaz para o impulso do sector turístico.
30 Dec 2020

Durante o Pleno ordinario da Deputación, a Corporación provincial aprobou, por unanimidade, a iniciativa do PSdeG para que a Xunta abra un proceso de diálogo cos concellos e as deputacións para estudar e redefinir o mapa actual de xeodestinos co obxectivo de que sirvan como unha ferramenta eficaz para o impulso do sector turístico.

Así mesmo, a proposta dos socialistas reclama que tras o mapa resultante dese proceso, unha vez escoitadas as suxestións dos concellos e feitos os cambios oportunos, adquira verdadeiro carácter oficial, co seu debate no Parlamento de Galicia e a súa publicación no DOG.

Ademais, a proposta recolle desenvolver un marco normativo para definir con claridade o proceso de creación dos xeodestinos, así como a definición dos seus órganos xestores, funcións, competencias e os mecanismos de modificación do mapa.

A voceira socialista lamentou a confusión xerada pola Xunta en torno á figura de xeodestino, o que lle resta eficacia á hora de converterse no instrumento impulsor do turismo, “algo que resulta especialmente grave neste momento de crise sociosanitaria, no que o sector turístico precisa claridade e políticas de estímulo para sobreporse ó efecto da covid”, rematou García Porto.

MOCIÓN POPULAR PARA AS ELECTROINTENSIVAS

O Grupo Provincial do Partido Popular acadou o apoio do BNG para que a Deputación esixa ao Goberno medidas económicas que aseguren a viabilidade da industria electrointensiva. Os nacionalistas respaldaron así a moción presentada polo PP, e que está dirixida a solicitar do Executivo estatal que complete a contía das compensacións económicas por custes indirectos de CO2 ata o máximo permitido pola Unión Europea; modificar o Real Decreto 1106/2020, de 15 de decembro, polo que se regula o estatuto dos consumidores para incluír todas as alegacións presentadas pola Xunta de Galicia, marcando así a folla de ruta para dispor a medio prazo de medidas semellantes ás que se aplican en Alemaña ou Francia; eximir dos cargos de financiamento das renovables e da coxeración ás empresas cun gran consumo enerxético; implementar, no menor tempo posible, os mecanismos que substitúen as poxas de interrompibilidade, como a reserva estratéxica de resposta rápida, contemplando deste xeito as singularidades da industria altamente consumidora en enerxía e procurando unha pronta apertura dos prazos de convocatoria; e reducir as peaxes eléctricas para as industrias electrointensivas. Os socialistas abstivéronse na votación.

Castiñeira defendeu a necesidade de que o Goberno teña en conta esta cuestións, pois sería a maneira máis axeitada para emendar a falta de liderado e de responsabilidade do Executivo de Pedro Sánchez á hora de buscar unha solución para Alcoa. O voceiro do PP explicou que os incumprimentos neste senso son manifestos. O 17 de decembro o Goberno aproba o estatuto despois de dous anos e logo de múltiples anuncios. “Primeiro dicían que non se podía cun Goberno en funcións, logo que se faría inmediatamente despois de que se constituíse pero, finalmente, non foi así”. Asemade, en febreiro deste ano, o Goberno presenta un borrador “que non vale para nada” e obriga aos afectados a presentar alegacións. Pasada outra tempada, e vistas as mobilizacións, anuncian que o van aprobar durante o verán. E, a finais de ano, a uns días de coñecer a sentenza do Ere de Alcoa –“que casualidade”- aproban un documento “totalmente decepcionante”. Javier Castiñeira manifestou así que “non o dicimos dende o PP, dino os dirixentes de Asturias e incluso representantes dos sindicatos tamén vinculados ao Partido Socialista e ao Bloque Nacionalista Galego”.

A electrointensiva galega está en serio perigo porque seguen pagando ao redor de 20 euros máis o megavatio/hora que os seus competidores directos en Francia e Alemaña e, fronte a isto, o Goberno presenta estatuto que só convence á industria catalá e valenciana, posto que amplían as axudas a industrias menos consumidoras pasando de 120 perceptores a 600 sendo a maior parte desas autonomías; é dicir, o estatuto recorta o apoio ás empresas galegas e segue criterios políticos e de territorialidade, no canto de facilitar a competencia.

Oportunidade para rectificar o ataque á industria galega

“O seu ataque á industria galega é demoledora. Primeiro, amosando unha intransixencia enerxética que rematou pechando as centrais de Meirama e das Pontes, onde deixaron colgados a centos de familias de transportistas chairegos polos que non se preocupou. Foi a Vilalba a presentar un parque acuático e esqueceuse dos transportistas do carbón”, indicou, ao tempo que remarcou que “seguimos sen solución para o aluminio primario”. “O plan dos socialistas en Coruña e Avilés foi un fracaso e San Cibrao segue sen garantías de futuro; de aí que lle pidamos unha rectificación porque aínda estamos a tempo, como así se fixo fai poucos días no Parlamento de Galicia”, concluíu.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17229294776917