Os Xoves na Biblio das Pontes contarán cun obradoiro, teatro e maxia antes do Nadal

A Biblioteca Municipal das Pontes vén de presentar a programación especial Xoves na Biblio para o mes de decembro, unha iniciativa que enche as tardes dos xoves de propostas culturais e educativas dirixidas ao público infantil, combinando creatividade, teatro e maxia.
As actividades desenvolveranse os días 4, 11 e 18 de decembro, sempre ás 18:00 horas, en distintos espazos municipais, e están pensadas para nenos e nenas a partir de 4 anos. O obxectivo é ofrecer alternativas de lecer de calidade e promover a participación das familias durante o mes de Nadal.
A programación arrancará este xoves 4, na Biblioteca Municipal, cun Obradoiro Creativo de Bolsas Personalizadas, impartido polo Taller de Artes Comeluz, destinado a menores a partir de 5 anos. Para esta actividade é necesaria inscrición previa.
O xoves 11, a Casa Dopeso acollerá a representación teatral Voo, da compañía Teatro O Cubo, unha proposta escénica recomendada para nenos e nenas a partir dos 4 anos, que combina expresión corporal, humor e fantasía.
Pechará o ciclo o xoves 18, tamén na Casa Dopeso, o espectáculo familiar No Nadal toca… Maxia!, unha sesión de ilusionismo e participación a cargo de Magia en la Manga, dirixida a público infantil maior de 6 anos.
Coa posta en marcha desta programación, o Concello das Pontes e a Biblioteca Municipal reforzan a súa aposta por actividades culturais accesibles e de calidade, ofrecendo alternativas de ocio educativo que contribúen ao desenvolvemento creativo e á dinamización cultural da vila en plena campaña de Nadal.