Óscar Puente pasa a presidir a directiva da asociación veciñal de Árbol

A Asociación Cultural e Deportiva de Árbol inicia unha nova etapa tras a renovación da súa directiva, un proceso que se foi xestando nas últimas semanas e que quedou formalizado o pasado 21 de decembro nunha asemblea extraordinaria da entidade.
Segundo informou a propia asociación, a directiva fundadora comunicara na reunión ordinaria celebrada no mes de novembro a súa decisión de manter activas as actividades en marcha, pero coa intención de cesar nos seus cargos. Naquel encontro animaron aos socios e socias a dar un paso adiante para garantir a continuidade da entidade e do seu labor cultural e deportivo na parroquia.
Tras un período de reflexión, un grupo de catro persoas decidiu presentar unha candidatura para asumir a dirección da asociación, proposta que foi ratificada pola asemblea. Deste xeito, a nova directiva queda presidida por Óscar Puente, con Tamara Calaza como secretaria, Patricia Díaz como tesoureira e Marisol Morado como vogal.
Desde a entidade quixeron expresar publicamente o seu agradecemento á directiva saínte polo traballo realizado ao longo de doce anos, unha etapa que cualifican de “fundamental” para o desenvolvemento cultural e social de Árbol. Grazas a ese esforzo, lembran, "puxéronse en marcha iniciativas pioneiras na parroquia, como o grupo musical Cerna de Árbol, a Escola de Teatro Borguete Teatro, a comparsa de Entroido, ademais de numerosos cursos, obradoiros e encontros cos socios".
A nova directiva amosa a súa vontade de dar continuidade a ese legado, mantendo as actividades existentes e incorporando progresivamente novas propostas. Nos vindeiros días, a asociación prevé ofrecer máis información sobre os proxectos que marcarán esta nova etapa, ao tempo que agradece o apoio recibido por parte dos socios e da veciñanza e desexa un bo comezo de ano a toda a comunidade.