Óscar Rodríguez presenta un programa “centrado en Viveiro” que aproveite e poña en valor o potencial da cidade
O candidato do PP á Alcaldía de Viveiro, Óscar Rodríguez, deu a coñecer esta mañá as principais liñas mestras do seu programa electoral, “centrado en Viveiro” e que, segundo di, aproveita e pon en valor o potencial dunha cidade “con futuro”.
Óscar Rodríguez defende que se trata dun “contrato serio e non dun cúmulo de promesas inventadas ou creadas para estas eleccións”. O popular asegura que “é un proxecto para unha cidade con moitas oportunidades, co que buscamos aproveitar os recursos que ofrece, revalorizalos e crear algún novo para xerar emprego, dinamizar economicamente Viveiro e afincar poboación”.
Dende o Concello débense ofrecer mecanismos en positivo “para a industria, o emprego, o comercio e, por suposto, o turismo”, precisa o alcaldable. O candidato engade que “temos a obriga de facer máis cómodo o día a día dos veciños e veciñas actuando no noso urbanismo e nos recursos esenciais como é o abastecemento de auga, sen esquecernos nunca de desenvolver medidas dirixidas ao benestar das familias e dos nosos maiores”.
Medio cento de medidas ‘Centradas en Viveiro’
O programa co que Óscar Rodríguez concorre ás eleccións do próximo 26 de maio na localidade conta con medio cento de medidas que se agrupan en nove bloques temáticos. O popular compromete accións nos eidos da industria, o emprego e o comercio, tamén no urbanismo e avogan por unha “cultura viva” e por un turismo “accesible”. Ademais poñen en valor a necesidade de promover medidas por “un Viveiro sostible”.
O programa tamén recolle propostas para un “Concello activo e saudable” e para mellorar o benestar social, “sempre pensando tamén nos maiores, para os que promoveremos novas accións moi necesarias e demandadas”. De igual modo, para o candidato popular “o rural conta”, polo que “desenvolveremos iniciativas dirixidas ás nosas parroquias”.
Presentación do programa
O alcaldable está a dar a coñecer o seu programa á cidadanía. Ademais do contacto directo veciño a veciño, Óscar Rodríguez explicará as súas propostas de Goberno en encontros sectoriais.
Nesta liña, mañá, ás 20.30 horas, o candidato á Alcaldía de Viveiro manterá un unha xuntanza cos profesionais vencellados ao comercio e á artesanía. No acto participará a directora Xeral de Comercio, Sol Vázquez Abel. Terá lugar na Sala Multiusos do Conservatorio da cidade. No marco deste encontro, analizaranse, polo tanto, de xeito conxunto as medidas de futuro para “abrir camiños e lograr unha cidade viva”.