Ouro para Kevin Cuba no III Memorial Alexander Katchelaev de Sanxenxo

O Club Loitas Olímpicas Vilalba Libre e Grecorromana rubricou unha fin de semana para lembrar co ouro de Kevin Cuba en U23 (-97 kg) no III Memorial Alexander Katchelaev, disputado no Pavillón Municipal de Baltar (Sanxenxo). O balance vilalbés completouse coa prata de Adniel Montes en U17 (-92 kg), o bronce de Xiao Seoane en U23 (-74 kg) e o sétimo posto de Andi Maceiras en U17 (-80 kg), resultados que reforzan a liña ascendente do club nesta altura da pretempada.
A entidade lembra que o Memorial rende tributo a Alexander Katchelaev, histórico adestrador que desenvolveu parte da súa vida deportiva en Galicia, e serviu como punto de arranque dun calendario preparatorio que inclúe o Torneo Internacional de Barakaldo (29 de novembro), a Concentración Internacional en Piedras Blancas (4 de decembro), o Torneo Internacional de Burlada (13 de decembro) e o Torneo Internacional de San Blas (19 de decembro).