Outeiro clasura o programa de prácticas en empresas
O Concello de Outeiro de Rei vén de clausurar a sexta edición do programa Deseñando o teu futuro. Trátase dunha iniciativa promovida polo Concello de Outeiro de Rei destinada a mozos e mozas con idades comprendidas entre 16 e 18 anos que permite @s participantes aproximarse ao ámbito socio-laboral ao facilitarlles durante 5 días unha experiencia nalgunha das empresas do municipio que colaboran co proxecto.
Nesta sexta edición do programa houbo un total de 19 participantes que realizaron as estadías en varias empresas que colaboraron de forma voluntaria e desinteresada na iniciativa. As empresas colaboradoras foron a Área de Servizo 507, Avifauna, Carpintería Metálica Ben Alonso, D10 Centro Deportivo, Fulgencio Casás Lombao, Garatuxa., Idea Almacén de Papelería, Marcelle Natureza e Panadería Ousá.
Realizadas as estadías durante a semana pasada, este luns tivo lugar a derradeira xornada do programa que incluíu unha visita ao viveiro industrial que o Concello ten no parque empresarial onde visitaron unha das empresas asentadas no mesmo, MECANIZADOS RG e participaron nun obradoiro de emprendemento xuvenil. A xornada rematou no Concello de Outeiro de Rei onde @s participantes foron recibidos polo alcalde, José Pardo Lombao, e recibiron un diploma acreditativo da súa participación nesta iniciativa.