Abre o prazo de inscrición para as actividades socioculturais en Outeiro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición, tendo sempre prioridade as persoas empadroadas
presentacion-actividades-outeiro-de-rei
1 Oct 2025

O Concello de Outeiro de Rei ten aberto ata o 10 de outubro o prazo de inscrición para participar nas actividades socioculturais programadas para a tempada 2025-2026. As persoas interesadas poden anotarse na Casa da Cultura en horario de 10:00 a 14:30 horas da mañá.

A oferta municipal abrangue unha ampla programación cultural, deportiva e social dirixida a todas as idades. No ámbito de cultura e lecer inclúense propostas como mecanografía, xogos en inglés, teatro, obradoiros para nenos e nenas, zumba, rutas a San Andrés de Teixido e ao Monte do Gozo en Santiago, manualidades, bailes de salón en modalidade de iniciación e perfeccionamento, defensa persoal feminina, así como obradoiros de coroas e centros de Nadal e de reanimación cardiopulmonar.

A Oficina de Información Xuvenil impulsa actividades como ximnasia rítmica, mecanografía, pádel e a Escola de Música, que abrangue os concellos de Outeiro de Rei, Rábade, Begonte e Friol.

No apartado deportivo destacan fútbol sala e fútbol sala biberón, balonmán, dous cursos de baloncesto, tres de tenis, dous de patinaxe, tres de pilates, ademais de ioga, ximnasia na auga, voleibol, natación infantil, BTT, taekwondo e iniciación ao atletismo.

Tamén se inclúen actividades específicas de promoción da muller, entre elas unha andaina popular contra a violencia de xénero o 23 de novembro e un obradoiro de manexo do estrés e da ansiedade o día 25 do mesmo mes. Para as persoas maiores, a programación ofrece un taller de memoria e unha excursión a Oviedo.

Desde o Concello lembran que as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición, tendo sempre prioridade as persoas empadroadas no municipio fronte ás de fóra.

⚙ Configurar cookies
0.087210893630981