Outeiro de Rei acolle este sábado a segunda Feira Gastronómica de Produto de Proximidade

Os concellos de Cospeito e Outeiro de Rei celebran este mes de outubro as súas Feiras Gastronómicas de Produto de Proximidade, unha cita que reúne exposicións, degustacións, showcooking e charlas formativas centradas na cociña tradicional e no aproveitamento dos recursos locais.
A primeira das xornadas tivo lugar en Cospeito, o domingo 19 de outubro, baixo o título “A Feira Brava: Sabores do Monte”, dedicada aos produtos de caza e outono, como perdiz, faisán, corzo e xabarín, acompañados de cogomelos, castañas, marmeladas e mel.
A segunda cita será en Outeiro de Rei, este sábado 25 de outubro, coa feira “Sabores da nosa terra”, que se celebrará na Praza do Concello. Nesta ocasión, o protagonismo será para os produtos das granxas e da gandería galega, como a ovella galega, os polos campeiros, o porco celta, a tenreira galega e a galiña de Mos. Tamén neste caso, o horario será de 11:00 a 19:00 horas, con actividades abertas ao público e degustacións.
Estas feiras, organizadas polos concellos de Outeiro de Rei e Cospeito coa colaboración da Xunta de Galicia, buscan poñer en valor a calidade dos produtos locais e fomentar o consumo de proximidade, apoiando así ao sector primario e á economía rural da comarca.