Outeiro de Rei acolle o tradicional curso de condución segura do Motoclub Lóstregos-Lucus


Outeiro de Rei acollerá este sábado, 2 de agosto, un curso de condución segura en motocicleta promovido polo Motoclub Lóstregos - Lvcvs, en colaboración co Concello de Outeiro de Rei e a Escola de Técnicas de Condución Segura. A xornada celebrarase no circuíto local e está aberta a todas as persoas condutoras de moto, con independencia do seu nivel de experiencia.
A iniciativa nace co obxectivo de reducir a sinistralidade nas estradas, especialmente entre motoristas, un dos colectivos máis vulnerables. Segundo datos da Dirección Xeral de Tráfico, no ano 2024 morreron 1.154 persoas nas estradas españolas, das cales 299 eran motoristas, un 9 % máis que no ano anterior. A maioría destes accidentes mortais producíronse en fins de semana, en vías secundarias sen separación de sentidos e por saídas de vía.
O curso combinará sesións teóricas e prácticas, co fin de mellorar a percepción do risco, o dominio técnico da moto e a capacidade de anticipación. Entre os contidos abordaranse técnicas de freado eficiente, trazo de curvas, control da velocidade e reaccións de supervivencia, ademais do uso da visión periférica e a postura sobre a moto.
Está dirixido tanto a condutores con carné B que usan motos de ata 125 cc, como a usuarios de ciclomotores, motoristas con experiencia que queren refrescar habilidades ou afeccionados que circulan por estradas secundarias durante o tempo de lecer. A formación busca dotar ás persoas participantes de coñecementos reais que permitan transformar situacións de risco en manobras controladas, mellorando así a seguridade individual e colectiva.
O director da escola, Manuel, destacou que “este tipo de formación pode marcar a diferenza entre un susto e unha traxedia”, e convidou a todos os motoristas a aproveitar esta oportunidade para gañar confianza e desfrutar da súa paixón con responsabilidade.
As persoas interesadas poden obter máis información a través dos teléfonos 678 748 710 (Gustavo Cela) e 676 665 499 (Manuel).
