Outeiro de Rei acolle un curso gratuíto de iniciación á poda e ao enxerto

O municipio de Outeiro de Rei acollerá un curso gratuíto de iniciación á poda e ao enxerto dirixido a persoas traballadoras, autónomas e tamén a persoas en situación de desemprego interesadas en adquirir coñecementos básicos sobre estas técnicas agrícolas.
A formación desenvolverase os días 19 de marzo e 11 de abril en horario de 10.00 a 13.30 horas e de 14.30 a 17.00 horas. O curso terá lugar no lugar de Francos, número 12, dentro do termo municipal de Outeiro de Rei.
A actividade contará coa docencia de Marcos Besada, quen guiará ás persoas participantes na aprendizaxe das principais técnicas de poda e enxerto, fundamentais para o coidado e mellora das árbores froiteiras e doutras especies vexetais.
Esta iniciativa está organizada polo Sindicato Labrego Galego xunto coa organización agraria COAG e conta co financiamento do Gobierno de España a través do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación no marco dos programas de formación agroalimentaria.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través do teléfono 672 009 854 ou mediante o correo electrónico tecnicoteixeiro@sindicatolabrego.gal. O curso pretende ofrecer unha formación práctica que permita mellorar as competencias no ámbito agrario e fomentar o coñecemento de técnicas tradicionais de cultivo.