Outeiro de Rei aproba un criticado orzamento de 8 millóns de euros

TerraChaXa | LugoXa
Outeiro de Rei celebrou onte un Pleno moi debatido no que se aprobou o orzamento e tamén un cambio nas dedicacións exclusivas.
pleno outeiro de rei orzamentos
31 Xul 2021

O Concello de Outeiro de Rei celebrou onte un Pleno moi debatido no que se aprobou o orzamento e tamén un cambio nas dedicacións exclusivas do equipo de Goberno.

Así, só cos votos a favor do PP e os catro en contra da oposición, foi aprobado finalmente o orzamento de Outeiro de Rei, que ascende a  oito millóns de euros. Desta cantidade, o alcalde explicou que 3,5 millóns serán destinados a obras. Ademais, presto de tres millóns irán destinados a gastos correntes e servizos e 1.300.000 euros serán para gastos de persoal.

O alcalde explicou tamén que tiveron que pedir en préstamo de 500.000 euros para pagar os soldos do persoal e a inversión". Así mesmo, tamén coa oposición en contra, aprobouse un cambio nas dedicacións exclusivas. Así, o alcalde deixará de recibir esta pola súa xubilación mentres dous concelleiros liberaranse profesionalmente para a xestión municipal.

Neste pleno tamén tomou posesión da súa acta de concelleira do BNG Rita Castedo Meilán, a cal entra no concello en substitución de Xabier Molinos, o cal dimitira do seu cargo por motivos persoais hai uns meses.

Rita Castedo é mestra xubilada e vive na parroquia de Martul, sendo unha persoa que sempre destacou polo seu compromiso social e o seu traballo no ámbito da asociación de veciños da súa parroquia.

BNG

O BNG de Outeiro votou en contra do proxecto de orzamentos porque "preséntanse a destempo, pois carece de sentido aprobar uns orzamentos cando xa pasou máis da metade do ano e xa estarían comprometidas todas as partidas económicas ou non habería tempo a executar outras novas, o que imposibilita calquera proposta por parte da oposición".

Afirman que as contas están "terxiversadas, pois leva 15 anos inflando os números ao incluír 1.500.000 € como investimento na urbanización da Palloza sen que nunca investira nin un céntimo".

Para o BNG o máis grave aínda é o endebedamento que trae consigo esta xestión económica. "A finais do pasado ano, o concello de Outeiro tiña 1.400.000€ en facturas sen pagar, tendo provedores con facturas con máis dun anos sen cobrar. Un boa proba disto foi, por exemplo, que os gastos derivados da comida dos xubilados de xullo do ano 2019 pagouse neste ano 2021, con máis de ano e medio de retraso. O retraso no comezo da limpeza das cunetas, foi outra boa proba desta falta de liquidez na que se atopa o concello de Outeiro", din.

“E tal a situación económica na que nos atopamos, que absolutamente todo o investimento que se vai facer con fondos do concello durante o ano 2021 vai a cargo dun crédito bancario que pagaremos durante moitos anos, hipotecando o futuro do concello para varias décadas”, explicou Xosé Ferreiro.

O BNG votou en contra das tres dedicacións exclusivas dado que consideran que o Concello de Outeiro non ten entidade suficiente para esta porcentaxe.

Tamén se opuxo ao aumento da asignación aos grupos políticos, pois afirman que as contías que existían xa eran suficientes para pagar os gastos da actividade políticas que puidera xurdir.

“Non parece moi lóxico que o mesmo día que se aproban uns orzamentos onde queda claro o endebedamento do concello e a nefasta situación económica na que nos atopamos, se aprobe o aumento das dedicacións exclusivas e da asignacións a grupos. Cremos que a cidadanía perece máis respecto e consideración”, manifestou Xosé Ferreiro.

concelleiros bng outeiro de rei
0.17412710189819