Outeiro de Rei aproba una debatida subida de taxas e o orzamento de 2025

LugoXa | TerraChaXa
O aumento é do 30 % nos tributos mentres que as contas municipais ascenden a 8 millóns de euros
IMAXE-PLENO-EXTRAODINARIO-OUTEIRO-DE-REI-31.07.2025
1 Aug 2025

Celebrouse na casa consistorial de Outeiro de Rei un pleno extraordinario no que se abordaron dous puntos principais, como foi a suba de tributos e o orzamento para o próximo ano. A sesión comezou coa aprobación da acta do pleno anterior.

O segundo punto tratou o expediente 869/2025, relativo á imposición e ordenación de tributos, concretamente á modificación das ordenanzas fiscais número 15, 16 e 17. O tema central foi o incremento do 30 % nas taxas correspondentes á recollida de residuos sólidos urbanos, subministración de auga potable e servizo de saneamento e depuración de augas residuais. Esta subida xerou un intenso debate entre o equipo de goberno e a oposición.

O alcalde defendeu a necesidade da medida para garantir a continuidade e calidade destes servizos básicos, argumentando que se trata dun incremento proporcionado aos custos actuais e non dunha decisión arbitraria. Respondeu ás críticas da oposición salientando que Outeiro de Rei é pioneiro na instalación do colector marrón por motivos medioambientais e que todas as parroquias contan cos correspondentes contedores. Tamén destacou que o concello ostenta a bandeira verde outorgada pola Xunta de Galicia polas súas boas prácticas ambientais.

En canto á rede de abastecemento de auga, o rexedor explicou que a dispersión do territorio obriga a manter unha infraestrutura extensa e custosa, malia que a taxa segue sendo inferior á de moitas cidades. A proposta foi aprobada con 9 votos a favor, 3 en contra e 1 abstención.

Pola súa banda, no referente á subministración de auga, a formación nacionalista dixo que a veciñanza leva anos "sufrindo episodios recorrentes de turbidez na auga cando chove" o que obriga moitas familias a recorrer á auga embotellada. Ademais, denuncian que este é un dos concellos cos prezos máis elevados da comarca, tanto nas tarifas ordinarias como nos custos abusivos de enganche, moi por riba da media doutros municipios.

O BNG advirte tamén da falta de garantías sanitarias no servizo de abastecemento. Segundo consta na analítica obrigatoria realizada polo SINAC en maio de 2025, a auga foi declarada “non apta para o consumo humano” debido a un índice elevado de trihalometanos.

En canto á recollida do lixo, a formación critica o estado lamentable dos contedores, "moitos deles rotos, sen tapas e sen mantemento, sen que o goberno local presente ningún plan de reposición ou mellora".

Por último, tratouse o expediente 866/2025, relativo á elaboración e aprobación do orzamento municipal para o ano 2025, que ascende a máis de 8 millóns de euros. Segundo informou o goberno local, trátase dun orzamento orientado á inversión, coa partida destinada a inversións reais representando o 36,29% do total das operacións de capital. Os pasivos financeiros supoñen o 1,50% do gasto total, mentres que os gastos financeiros representan o 0,80%.

Este punto foi aprobado con 9 votos a favor e 4 en contra.

⚙ Configurar cookies
0.19287419319153